Saltar ao contido principal
Xornal

Cinco investigadores da USC atópanse entre os máis citados nas súas respectivas disciplinas

Segundo unha análise que realiza Thomson Reuters cruzando datos de diversos índices de citación científica

Actualizada: 02-08-2013 14:50
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
Os investigadores da USC Ángel Carracedo, María R. Loureiro, Juan J. Nieto, Rosana Rodríguez-López e Christopher Phillips atópanse entre os investigadores máis citados do mundo nas súas respectivas áreas de coñecemento, segundo o estudo preliminar a partir do que Thomson Reuters elabora o seu listado de investigadores altamente citados de todo o mundo.
 
Segundo esta análise de Thomson Reuters, o catedrático Ángel Carracedo, considerado como un dos científicos de maior impacto e prestixio en todo o mundo no campo da xenética forense e de poboacións humanas, figuraría entre os autores máis citados en dous ámbitos, o da Medicina Clínica e no de Bioloxía molecular e xenética. Pola súa banda, o catedrático Juan J. Nieto e a profesora, Rosana Rodríguez-López, ambos os dous do Departamento de Análise Matemática, destacarían no das Matemáticas, e María Loureiro García, profesora titular de Fundamentos de Análise Económica, no de Economía e negocios. O investigador do Instituto de Ciencias Forenses ‘Luis Concheiro’ da USC, Christopher Phillips figuraría tamén no capítulo de Bioloxía molecular e xenética, pechando o grupo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela máis citados.
 
No seu conxunto, a Universidade de Santiago de Compostela atópase no segundo posto das universidades españolas con máis investigadores incluídos neste listado, por detrás da universidade de Barcelona e xunto ás de Valencia e Zaragoza. Os cinco científicos da institución académica compostelá ocuparían postos destacados en seis áreas de coñecemento. No seu conxunto, España encontraríase entre os países que melloran notablemente os seus resultados cos novos listados. Así, nos listados de 2012 de Thomson Reuters, España situábase na posición número 20 mentres que nos novos pasa á posición 13.
 
A metodoloxía de Thomson Reuters baséase nos datos do Science citation index (SCI) e o Social science citation index (SSCI), tendo en conta ademais as citas procedentes do Arts & humanities citation index (A&HCI). Os datos que sitúan a de Santiago nun lugar tan destacado son corroborados polo profesor Domingo Docampo, catedrático de Vigo, e Daniel Torres-Salinas, doutor en documentación científica e  técnico de xestión de investigación na Universidade de Navarra, nun artigo publicado en El Profesional de la Información.
 
Antecentes
O Instituto de Ciencias Forenses da USC e o propio profesor Carracedo lideraron o ranking mundial en canto a citacións ou número de artigos publicados no período 2001-2011 na área de Medicina Legal e Ciencias Forenses, segundo unha análise da mesma axencia Thomson Reuters, encargada da Web of Knowledge, sobre a produción científica nesta área de coñecemento. Neste senso, a profesora Mª Victoria Lareu, tamén da USC, atopábase entre os autores máis citados, sendo xunto con Carracedo, os únicos dous investigadores españois que figuraban.

Segundo este ranking independente o Instituto de Ciencias Forenses compostelá liderou no período sinalado a produción científica no seu área atendendo ás citacións e número de artigos publicados no último decenio, superando a institucións como o FBI ou o Forensic Science británico, e con notable diferenza sobre o segundo clasificado, o Instituto de Medicina Legal da Universidade de Münster (Alemaña).