Saltar ao contido principal
Xornal

As mulleres das realezas medievais da Pensínsula Ibérica centrarán un encontro o vindeiro ano na USC

Ata o 15 de decembro permanece aberto o prazo de recepción de comunicacións

Actualizada: 17-10-2013 11:39
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
O retrato das mulleres medievais vinculadas ao entorno rexio evolucionou notablemente nas últimas décadas poñendo de manifesto a súa capacidade para converterse en pezas esenciais do poder. Nesta liña de traballo enfócase o encontro Raíñas e Infantas nos Reinos Medievais Ibéricos que se desenvolverá en maio próximo na USC e para o que o prazo de presentación de comunicacións permanece aberto ata o 15 de decembro de 2013
 
Fronte ás imaxes dicotómicas e cheas de prexuízos que se poden descubrir nas crónicas medievais e posteriores, o estudio detido das fontes permitirá non só recuperar os nomes das mulleres singulares senón tamén reflexionar sobre o seu papel na sociedade medieval e, especialmente, nos ámbitos de poder. Así, no encontro coñeceranse as mulleres de diversas dinastías e con perfís biográficos sumamente heteroxéneos que participaron no devir histórico dos distintos reinos que se asentaron na Península entre os séculos V e XV e das que, xunto a elas, xogaron un papel fundamental nas cortes medievais: as amantes do rei, as nodrizas, as damas, as servidoras…

Pero tamén os homes –explican os bolseiros FPU da Facultade de Xeografía e Historia Silvia Cernadas Martínez e Miguel García-Fernández, organizadores do encontro– e, sobre todo, a súa relación coas mulleres da realeza, “constitúen temas de interese para coñecer con maior precisión a vida e as actuacións delas”.
 
O encontro porá de manifesto cómo asumindo roles tradicionalmente asignados aos homes, pero tamén con actitudes esencialmente femininas e a través de prácticas como a mediación, as mulleres do contorno rexio contribuíron a afianzar alianzas entre as súas familias de orixe e aquelas coas que establecían vínculos matrimoniais, entre diferentes membros da corte ou entre o poder rexio e o pobo.