Saltar ao contido principal
Xornal

Dúas revistas internacionais publican os estudos do LREC-USC sobre o clon da bacteria E.coli causante de infeccións e sepsis

O catedrático da USC Jorge Blanco salienta que este clon constitúe na un problema de saúde pública e cre que a súa identificación supón un antes un despois na E. coli

Actualizada: 22-10-2013 13:48
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Jorge Blanco, á esquerda, con investigadores do Labotorio de Referencia E. coli da Universidade de Santiago

As revistas International Journal of Antimicrobial Agents e Journal of Clinical Microbiology, publicadas respectivamente pola Sociedade Internacional de Quimioterapia e pola Sociedade Americana para a Microbioloxía, veñen de publicar os resultados das últimas investigacións desenvolvidas polo Laboratorio de Referencia de E. coli (LREC) da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, relativos á caracterización a nivel molecular de cepas do clon O25b-ST131 da bacteria Escherichia coli, causantes de infeccións urinarias e sepsis nos seres humanos en España e noutros países.

 
O LREC (Laboratorio Nacional de Referencia  para a detección de E. coli en Alimentos, Rede Española de Investigación en Patoloxía Infecciosa, Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela) desenvolveu as devanditas investigacións sobre  o clon O25b-ST131 da bacteria Escherichia coli en colaboración coa Unidade de Microbioloxía Clínica do Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) e nun dos devanditos estudos tamén participaron grupos de investigación das universidades de Santander, Sevilla, París e Minnesota.
 
Os investigadores do Laboratorio de Referencia de E. coli da USC, dirixido polo catedrático de Microbioloxía Jorge Blanco Álvarez, en colaboración con microbiólogos do Hula e tamén doutros centros internacionais, identificaron no 2008 o clon O25b-ST131 da bacteria Escherichia coli e puxeron de evidencia a súa presenza internacional.
 
As cepas deste clon da E.coli  presentan un elevado arsenal de factores de virulencia que lles permiten causar infeccións incluso en individuos sans nos que funcionan ben as súas defensas, ao tempo que acostuman ser resistentes a moitos grupos de antibióticos. O achado científico acada se cabe maior importancia, por ser a primeira vez que se detectaba un clon dentro da E.coli que compatibiliza un gran número de xenes de virulencia con outros resistentes a antibióticos e que se atopa espallado por todo o mundo.
 
Os estudos do Laboratorio de Referencia E.coli  publicados agora nestas dúas prestixiosas revistas internacionais dan conta da espectacular expansión do citado clon, xa que na actualidade supón máis do 50% das cepas produtoras de enzimas beta-lactamasas de espectro estendido e resistentes a moitos antibióticos, tanto España como no resto do mundo. Estas investigacións tamén permiten observar a emerxencia de novas cepas con diferentes patróns de xenes de virulencia (virotipos) e unha enorme diversidade xenética.
 
Ao diversificarse, a bacteria intenta presentarse de múltiples formas diferentes para así tratar de burlar o sistema sistema inmunolóxico do paciente para producir infección, comenta Jorge Blanco, que salienta que este clon constitúe na actualidade un importante problema de saúde pública a nivel mundial, mentres que a súa identificación supón un antes e un despois na Escherichia coli.
 
O director do Laboratorio de Referencia de E. coli da Facultade de Veterinaria da USC sinala que os estudos nos que se identifican e caracterizan os clons altamente virulentos dos patóxenos infecciosos son esencias desde o punto de vista epidemiolóxico, da química terapéutica e tamén para o desenvolvemento de novas vacinas que deteñan a súa expansión.