Saltar ao contido principal
Xornal

O campus de Lugo celebra o Día da Ciencia en Galego cunha sesión de relatorios e unha xornada de visitas a laboratorios

García Herradón presenta o concurso de curtas con móbil da USC ‘O campus de Lugo e o desenvolvemento do medio rural’, dirixido a estudantes de ESO, BAC e ciclos formativos

Actualizada: 06-11-2013 14:05
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Estudantes de secundaria asisten a unha exhibición de robots na Facultade de Ciencias

A celebración do Día da Ciencia en Galego levou este mércores ao campus de Lugo a uns 50 estudantes de ensino secundario, que tiveron a ocasión de coñecer os laboratorios e servizos de investigación emprazados na Facultade de Ciencias, unhas visitas durante a que tamén puideron presenciar experimentos desenvolvidos por profesores e investigadores do campus lugués. Logo deste percorrido científico, os estudantes de preuniversitarios participaron como público no ciclo de presentacións ‘Arte e ciencia’, no marco do que cinco relatores ofreceron outros tantos relatorios sobre os tres persoeiros aos que se homenaxea nesta edición do Día da Ciencia en Galego,  o artista e intelectual galego, Isaac Díaz Pardo, a enfermeira de orixe italiana Florence Nightingale e o arquitecto e inventor estadounidense Richard Buckminster Fuller, así como sobre estética e a semiótica da química, a arte e a ciencia na construción ou mesmo da estatística, que é outros dos temas centrais deste do Día da Ciencia en Galego 2013.

 
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, abriu o programa de presentacións ‘Arte e ciencia’ no salón de actos ‘Isaac Díaz Pardo’ da Escola Politécnica Superior de Lugo, no transcurso dun acto no que manifestou o seu agradecemento a todas as persoas do campus que colaboraron na organización deste programa de actos para conmemorar o Día da Ciencia en Galego 2013. García Herradón, que estivo acompañado polo director do Politécnica, Javier Bueno Lema, así como polo decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos, aproveitou tamén este encontro con estudantes de ESO e Bacharelato para presentar a segunda edición do concurso de curtas con móbil convocado pola USC e que nesta ocasión se desenvolverá baixo o título ‘O campus de Lugo no desenvolvemento do medio rural’.
 
Concurso de curtas con móbil
O concurso de curtas con móbil convocado pola USC é unha fórmula a través da que a Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo pretende achegarse ao estudantado preuniversitario e tamén ao resto da sociedade para dar a coñecer o amplo abano de titulacións que ofrece, así como as posibilidades de investigación que se poden desenvolver ou que xa se están a executar no campus lugués.
 
“Se queremos captar estudantes e ter alumnos/as nos centros universitarios do campus de Lugo, cómpre achegarlles información sobre as distintas titulacións de grao existentes e transmitirlles a idea que de este amplo abano de estudos de grao, no que se inclúen títulos que abranguen as distintas áreas do saber, presenta uns parámetros de calidade iguais ou superiores aos ofertados noutras universidades da contorna e tamén de fóra de Galicia”, salientou García Herradón.
 
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo explicou que a nova convocatoria deste concurso de curtas con móbil da USC é moi ampla tanto respecto da temática como do colectivo estudantil ao que vai dirixido, xa que poden participar no certame estudantes de ESO, BAC e de ciclos formativos que estean matriculados no curso 2013-2014, tal e como se recolle nas bases deste certame, que nos próximos días estarán dispoñibles na páxina web da USC.
 
O obxecto deste concurso de curtas con móbil é coñecer e difundir as inquedanzas dos/as futuros/as universitarios/as sobre as posibilidades académicas e científicas que depara o campus de Lugo para desenvolvemento sostible do rural, desde o punto de vista económico, social e medioambiental. As persoas interesadas en participar no certame deberán plasmar a súa visión ao respecto nunha curta gravada con móbil e cunha duración de entre 30 e 90 segundos. O prazo de entrega das curtas presentadas a este concurso, que establece como premios unha tablet, para o gañador, e dous lectores de libros electrónicos, para os outros dous traballos mellor valorados polo xurado, permanecerá aberto ata o 27 de maio de 2014.
 
Programa de presentacións ‘Arte e ciencia’
O responsable do Servizo de Normalización Lingüística da USC no campus de Lugo, Xusto Rodríguez, foi o encargado de dar paso aos distintos relatores que interviron no ciclo de presentacións ‘Arte e Ciencia’ no salón de actos da Escola Politécnica.
 
O O editor Xosé Ramón Fandiño abriu a quenda de presentacións co relatorio ‘Isaac Díaz Pardo, a patria enteira na memoria’. Logo desta intervención, Isidoro Rodríguez, profesor da Escola Universitaria de Enfermaría, desenvolveu a presentación ‘Florence Nightingale: a dama da lámpada, estatística e escritora’. Arte e ciencia na construción foi o tema central da intervención do profesor Xoán Carlos Carreira. Outros dos relatorios incluídos no ciclo ‘ Arte e ciencia’ foron ‘A estatística: unha ferramenta para calcular a incerteza’, a cargo do profesor da Facultade de Veterinaria José María Alonso, e ‘Estética e semiótica da química: formulando con arte’, un tema que abordou Marcelino Maneiro, profesor da Facultade de Ciencias.
 
Premios I Xincana Bibliográfica
O acto central da celebración do Día da Ciencia en Galego 2013 no campus de lugo foi o escenario elexido polos organizadores para entregar os premios aos integrantes do equipo gañador da I Xincana Bibliográfica da USC. Este certame, celebrado o pasado luns na Biblioteca Intercentros do campus de Lugo, e no que os participantes tiveron que dar resposta a unha batería de cuestións referidas aos tres persoeiros aos que se rende homenaxe no Día da Ciencia en Galego 2013, deparou como gañador o equipo formado por Lidia Osorio Castelao, Tamara Arango López e Ángel Castro Ramos, “ tres activos usuarios da Biblioteca Intercentros”, segundo dixo a súa directora, Julia Cantalapiedra, antes de facerlles entrega dos premios.

Outras imaxes


Martínez Ageitos, García Herradón e Bueno Lema, na presentación do xornadas 'Arte e ciencia', desenvolvidas na Politécnica

Asistentes ao ciclo de presentacións 'Arte e ciencia'

Gañadores da I Xincana Bibliográfica celebrada na biblioteca Intercentros do campus de Lugo