Saltar ao contido principal
Xornal  »  Unha investigación apunta a caída da natalidade e a incidencia tecnolóxica como causas de desaparición dos xogos populares

Unha investigación apunta a caída da natalidade e a incidencia tecnolóxica como causas de desaparición dos xogos populares

A xovense Marta Álvarez, Premio Extraordinario do Máster DAEN 2013, salienta o desarraigo dos mestres como outro dos freos á transmisión da cultura tradicional

Actualizada: 25-11-2013 14:05
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Marta Álvarez Fernández, diante da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo

A caída da natalidade e a progresiva despoboación das áreas rurais, xunto coa xeneralización das aplicación tecnolóxicas, son algúns dos elementos que actúan como freo ou impedimento para a transmisión dos xogos tradicionais ás novas xeracións, segundo apunta a xovense Marta Álvarez Fernández no proxecto final do Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN), un traballo de investigación centrado na supervivencia dos xogos populares na Mariña luguesa polo que esta diplomada en Maxisterio foi distinguida co Premio Extraordinario da segunda promoción deste posgrao impartido na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo.

 
O estudo desenvolvido por Álvarez Fernández baixo o título ‘Os xogos e actividades tradicionais de ocio na natureza como reflexo da sociedade’ e titorizado polo profesor da USC Rubén Navarro, comeza cunha fundamentación teórica respecto dos xogos populares para logo facer unha exhaustiva análise, a través de enquisas e tamén da propia observación, respecto da supervivencia e conservación destas prácticas lúdicas no concello de Xove, especialmente entre as xeracións máis mozas.
 
Esta diplomada en Maxisterio conclúe na súa investigación que moitos dos xogos populares cos que se divertían os antergos deste concello mariñán xa están esquecidos ou, cando menos, non son coñecidos polos máis cativos/as nin incluso polos seus proxenitores. Marta Álvarez sinala neste senso o proceso de recuperación das das distintas modalidades dos xogos de bolos que se practicaban no concello xovense, onde este xogo tradicional tiña variantes propias e específicas desta demarcación territorial da Mariña luguesa.
 
A recuperación desta actividade lúdica é hoxe unha realidade grazas a un programa auspiciado polo propio Concello de Xove para potenciar a transmisión desta forma de lecer entre os veciños, unha iniciativa que fixo posible manter a tradición dos bolos en Xove, onde agora todo parece indicar tamén que esta práctica terá continuidade no futuro a través do Club de Bolos Xove, constituído ao abeiro do proxecto de recuperación impulsado polo Concello.
 
A desaparición desta tradición lúdica popular, da que outrora participaban os veciños de Xove, tamén propiciou a perda do léxico empregado para referirse a este tipo de xogos na comarca de referencia. Esta  apreciación feita por Marta Álvarez faise aínda hoxe visible no caso do Cinquilimpé. Este xogo, xeralmente coñecido como a mariola, non desapareceu en Xove, pois os escolares con idades máis curtas aínda seguen a gozar con esta práctica lúdica nos patios dos colexios, así como noutros espazos de lecer. Sen embargo, precisa esta investigadora, a súa denominación tradicional, así como as variantes específicas que había deste xogo en Xove, non perduraron no tempo.
 
Homoxeneización dos xogos
A homoxeneización dos xogos populares é outro dos aspectos que salienta Marta Álvarez na súa investigación, na que tamén apunta a redución ou falta de espazos lúdicos nos centros escolares e a propia falta de arraigo no territorio dos ensinantes como factores que contribúen á perda da rica tradición de xogos populares de Xove, un feito que, na súa opinión, podería facerse extensible a outras moitas localizacións galegas.
 
A ruptura da cadea de transmisión desta cultura popular entre as distintas xeracións é, na opinión de Marta Álvarez, unha das causas do esquecemento e conseguinte abandono de moitos dos xogos populares cos que noutras épocas pasadas se divertían os nenos de Xove. A investigadora salienta neste senso que a desaparición deste tipo de prácticas lúdicas se debe a que as novas xeracións de nenos xa non se divirtan con este tipo de xogos populares, senón a que, simplemente, non as coñecen ou a que ninguén lles explicou como se xoga.
 
Unha das conclusións que presenta Marta Álvarez na súa investigación e logo de recoller moitos testemuños de xovenses atinxe a que os xogos tradicional si que continúan a espertar o interese dos máis cativos, pois “á maioría dos nenos son felices cando lles ensinas a facer barquiños e casas con follas caídas e paos”, subliñan os enquisados.
 
Marta Álvarez destaca no seu estudo sobre as prácticas lúdicas tradicionais no concello de Xove que son os máis cativos os que manteñen vivos este tipo de xogos, xa que as formas de diversión dos escolares de máis idade podería dicirse que están estandarizadas en todas partes. Daquela e quizás pola crecente incidencia da tecnoloxía e dos medios de comunicación, o habitual é que os escolares ocupen o seu tempo de lecer durante o recreo xogando ao fútbol, baloncesto, brilé ou a facer imitacións dos artistas de moda que ven na televisión, di esta investigadora.
 
Esta diplomada universitaria, que na actualidade segue vencellada á Facultade de Formación do Profesorado, onde completa o curso ponte para acadar o título de grao en Mestre en Educación Física, entende que a natureza ofrece múltiples recursos e moi útiles para favorecer a aprendizaxe e o lecer das persoas, en xeral, e dos máis cativos, en particular.