Saltar ao contido principal
Xornal

Unha investigación da USC no eido vitivinícola faise, ex aequo co CSIC, co Premio de Investigación 2013 da Real Academia Galega de Ciencias

O premio de Novos Investigadores recae tamén nun matemático da Universidade compostelá

Actualizada: 26-11-2013 14:02
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Manuel Martín e Ricardo Riguera, Premio de Investigación 2013 da Real Academia Galega de Ciencias
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) decidiu conceder ex aequo o seu Premio de Investigación 2013 a dous traballos con resultados aplicables aos sectores vitivinícola e forestal. O galardón, dotado con 6.000 euros, repartirase entre un equipo científico da Universidade de Santiago que desenvolveu un sistema automático de identificación de uva en viños brancos galegos e outro do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia que deseñou un método de enxeñería xenética para curar a tinta dos castiñeiros. Ademais, o proxecto premiado na categoría de investigadores mozos, dotado con 2.000 euros, é un traballo sobre funcións matemáticas dun investigador da USC.
 
O traballo da USC premiado é da autoría do responsable da Unidade de Resonancia Magnética, Manuel Martín, e do científico do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), Ricardo Riguera, que desenvolveron un procedemento para a identificación automática, en cuestión de minutos, das variedades de uva de viños brancos acollidos ás Denominacións de Orixe Protexidas de Galicia: Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra.
 
Tomando unha pequena mostra de viño realízase unha análise química mediante resonancia magnética nuclear e compárase coa base de datos elaborada tamén no marco deste proxecto, na que se caracterizaron preto dun cento de viños mono e plurivarietais representativos das variedades maioritarias de uva en Galicia: Albariña, Godello, Treixadura, Palomino e algunhas minoritarias como Loureiro, Dona Branca e Torrontés. Os investigadores lograron identificar unha serie de parámetros característicos de cada variedade, de maneira que se poden usar a modo de “pegada dixital” para comparala con outros viños.
 
A validez destas "pegadas" para identificar rapidamente a variedade de uva empregada na vinificación no caso dos viños monovarietais ou as variedades combinadas no dos plurivarietais foi testado con 94 viños. A pesar da reducida base de datos, o sistema rexistra un nivel de acerto na clasificación igual ou superior ao 95% nos monovarietais e unha porcentaxe similar nos plurivarietais, sempre que a proporción do compoñente minoritario nestes últimos sexa polo menos do 25%.
 
A utilización de análises químicas para determinar os compoñentes dun viño está xa moi implantada, pero o tipo de técnica que se vén utilizando (principalmente a cromatografía) fai que o proceso sexa lento e custoso, entre outras cousas porque esixe realizar análises separadas de cada compoñente e o viño é unha mestura complexa con multitude deles. A técnica presentada polos investigadores galardoados pola RAGC supón unha alternativa sinxela, rápida e tecnicamente fiable.
 
Os investigadores teñen previsto continuar con esta liña de traballo para ampliar a base de datos de viños, reducir o umbral mínimo de identificación de variedades por baixo desde 25%, incorporar novas variedades de uva minoritarias ao seu catálogo e introducir outras técnicas de análise química.
 
Premio Novos Investigadores
O traballo merecedor do Premio de Promoción de Novos Investigadores, convocado para promocionar o traballo dos científicos galegos menores de 28 anos, recaeu no matemático da USC Adrián Fernández Tojo. Nel afonda nas funcións de Green para ecuacións diferenciais con involucións, co propósito de avanzar cara a comprensión das leis que rexen certos fenómenos e teorías físicas que a día de hoxe non se entenden por completo.
 
Enfermidade do castiñeiro
María Elena Corredoira e Ana María Vieitez, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (CSIC), buscaron solucións na biotecnoloxía para atallar a enfermidade máis grave que sofren os castiñeiros galegos e da gran maioría de Europa: a tinta, unha infección provocada por un fungo que conduce á morte da árbore. A proposta premiada é unha alternativa tecnolóxica aos métodos convencionais baseada na enxeñería xenética que busca preservar a pureza da especie europea usando técnicas que se centran na sobreexpresión de xenes específicos da propia árbore capaces de promover súa a resistencia á enfermidade, en lugar de recorrer á hibridación entre especies.

Outras imaxes


Adrián Fernández Tojo, Premio de Promoción de Novos Investigadores