Saltar ao contido principal
Xornal

A Escola Politécnica Superior participa nun proxecto europeo sobre sistemas agroforestais financiado con 7 millóns de euros

O equipo de investigación dirixido por Antonio Rigueiro e Rosa Mosquera colaborarán con grupos de 17 países na promoción de sistemas agroforestais sustentables

Actualizada: 13-12-2013 14:01
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Antonio Rigueiro, catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC

O equipo de investigación que coordinan o catedrático do Departamento de Produción Vexetal, Antonio Rigueiro Rodríguez e a profesora do mesmo Departamento María Rosa Mosquera Losada acaba de asinar un proxecto de investigación europeo no marco das accións de colaboración do sétimo programa marco. Neste proxecto traballan 22 socios de 17 países e conseguiu un financiamento de 7 millóns de Euros.

 
O proxecto ten por obxecto a promoción dos Sistemas Agroforestais (incluídos os sistemas silvopastorais) como forma de xestión sustentable dos terreos forestais e agrícolas marxinais ou abandonados. Este tipo de sistemas, promovidos polas axudas da PAC que se desenvolverán entre os anos 2014 e 2020 son sistemas que incrementan a produtividade do monte ao mesmo tempo que permiten a obtención de importantes servizos ecosistémicos relacionados co secuestro de carbono, calidade das augas, conservación da biodiversidade e mellora da paisaxe. Neles combínanse compoñentes leñosos e herbáceos, con presenza ou non de animais. Son sistemas dun gran interese a nivel global que pretenden obter beneficios dos procesos ecolóxicos de facilitación entre as diferentes especies implicadas.
 
Este proxecto europeo, no que tamén participan o Instituto Forestal Europeo e o Centro Agroforestal Mundial, avaliará diferentes combinacións de compoñentes dos sistemas agroforestais perseguindo a obtención de produtos de árbores, arbustos, plantas herbáceas e gando, co obxecto de comprender o funcionamento destes sistemas nas diferentes rexións nos que se utilizan, demostrando os seus beneficios e a súa viabilidade e promovendo a súa expansión en Europa.
 
Préstase especial atención ao impacto que estes sistemas exercen sobre o medio ambiente natural, en comparación cos sistemas agrícolas e forestais tradicionais, así como ao uso eficiente de insumos externos e recursos tales como o chan, auga, enerxía e nutrientes, co obxectivo de priorizar a obtención de produtos de elevada calidade e proporcionar servizos ecosistémicos.
 
Marco de actuación e accións previstas
O proxecto desenvólvese en diferentes rexións europeas cubrindo países do norte, centro e sur de Europa e preténdese a participación de todos os sectores implicados, incluíndo axentes sociais e usuarios finais: axentes de extensión agraria e outros representantes das administracións, propietarios e usuarios das explotacións, organizacións e asociacións relevantes, institucións oficiais representativas, empresas do sector, axentes que xestionan os plans de desenvolvemento rural, grupos políticos, etc.
 
Estableceranse montes e granxas piloto para demostrar a viabilidade técnica e económica destes sistemas así como a súa importancia social e ambiental, enmarcándoos na xestión sustentable do territorio de face a contribuír ao desenvolvemento rural e a fixar poboación e a frear o despoboamento nestas áreas. Tamén se prestará atención á prevención de incendios forestais nos países do sur de Europa.
 
A profesora María Rosa Mosquera, directora do Departamento de Produción Vexetal, é a líder do paquete de traballo de políticas deste proxecto, no marco do cal se pretende facer un estudo das políticas actuais, considerando a opinión de todos os axentes implicados. Asemade, logo de acometer unha detallada análise da situación actual e logo de estudar e coñecer as   vantaxes económicas e ambientais deste tipo de sistemas en toda Europa, os investigadores que participen neste traballo farán recomendacións á Unión Europea en xeral e a cada país en particular das políticas que se consideren máis adecuadas para contribuír ao desenvolvemento deste tipo de sistemas en toda Europa.
 
En Galicia teremos especial sensibilidade coas comarcas de montaña, que se desangran desde os puntos de vista demográfico e socioeconómico, polo que está previsto desenvolver actuacións, entre outras áreas, na Serra do Courel, co apoio da Estación Científica do Courel, que tamén dirixe o profesor Rigueiro.