Saltar ao contido principal
Xornal

O reitor da USC visita o complexo romano de Aquae Querquennae

Acaban de rematar os traballos de reconstrución parcial de parte do sector do campamento romano

Actualizada: 23-12-2013 14:33
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor e directora xeral de Patrimonio Cultural reciben as explicacións do profesor Colmenero en presenza do alcalde José Antonio Armada
O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares, visitou este luns 23 as escavacións arqueolóxicas que xestiona a Fundación Aquae Querquennae na localidade de Portoquintela-Bande en Ourense. Acompañaron ao reitor, a directora xeral de Patrimonio Cultural María del Carmen Martínez Ínsua, así como representantes da propia Fundación, entre eles o profesor Antonio Rodríguez Colmenero e o presidente da Fundación, Luis Fernando Quiroga; o alcalde de Bande, José Antonio Armada; o director do complexo arqueolóxico, Santiago Ferrer; e a profesora Ana Goy.
 
O grupo puido coñecer a zona da escavación na que remataron recentemente unha serie de traballos para a reconstrución parcial de parte do sector do campamento romano, unha superficie de preto de 1.200 metros cadrados. Estes traballos permitirán a posta en valor e o achegamento á sociedade dun importante legado cultural que, ao mesmo tempo, permitirá unha mellor comprensión do que representa o recinto e do que supuxo historicamente para o contorno máis inmediato. Neste senso, o alcalde de Bande destacou a importancia que estas instalacións arqueolóxicos representan para o atractivo turístico da localidade.
 
Para o reitor, que visita o complexo por segunda vez no seu mandato, o traballo realizado evidencia a transcendencia da investigación no eido das Humanidades e subliña a importancia de outorgar unha interpretación correcta ao pasado e aos distintos elementos a través dos que este se manifesta. Como se puxo de manifesto na visita, o encontro serviu para definir tamén as vías de colaboración que a USC, a Fundación e a Xunta de Galicia seguirán desenvolvendo no futuro para a conservación e interpretación dos restos do complexo.
 
O complexo
Aquis Querquennis é un extenso complexo arqueolóxico formado por un antigo campamento romano, un poboado e unha mansión sitos na beira do que no seu día foi a Vía Nova, unha calzada romana que discorría entre Braga e Astorga. Antonio Rodríguez Colmenero e o Grupo Arqueolóxico Larouco participan dende 1975 nos traballos de recuperación do conxunto arqueolóxico-paisaxístico articulado arredor do xacemento romano emprazado entre as vilas de Baños e Porto Quintela (Bande, Ourense).
 
Para continuar cos traballos de recuperación e promoción deste xacemento e da Vía Nova romana constituíuse en 1999 a Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, promovida pola Universidade compostelá, a Consellaría de Cultura, o Grupo Larouco, o Concello de Bande, Unión Fenosa e a Deputación Provincial de Ourense, e na que forman parte do padroado Antonio Rodríguez Colmenero e Carlos A. Gómez Otero, ambos os dous da USC. Ademais das ruínas, a Fundación conta cun centro para investigadores e o Centro de Interpretación.

Esta Fundación xurde coa finalidade de facer da zona romana de Aquis Querquennis unha oferta con atractivo no contexto do turismo cultural de alto interese e rendabilidade social e cultural. Deste xeito, a Fundación dedícase a protexer, estudar e promover o citado complexo arqueolóxico e os sectores da Vía Nova Romana.