Saltar ao contido principal
Xornal

Presentado o novo corpus dixital aberto do proxecto internacional ‘Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués’

Recolle nun único banco de datos un amplo número de repertorios léxicos galegos, portugueses e brasileiros con referenciación xeográfica concreta das voces contidas neles

Actualizada: 20-02-2014 12:39
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Xulio Sousa, Francisco González, Rosario Álvarez e Ernesto González. Foto: Servimav-USC

O proxecto internacional 'Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués’ traballa dende o ano 2009 no rexistro e integración nun único banco de datos dun amplo número de repertorios léxicos galegos, portugueses e brasileiros con referenciación xeográfica concreta das voces contidas neles. Agora, esta iniciativa está dispoñible de xeito libre e gratuíto nun corpus dixital accesible para todas as persoas interesadas.

Na presentación das particularidades e características do proxecto celebrada este xoves 20 participaron o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, a coordinadora do proxecto, Rosario Álvarez Blanco, o director do Instituto da Lingua Galega da USC (ILG), Ernesto González Seoane, e o coordinador do Comité galego do equipo, Xulio Sousa Fernández. Como explicaron, o Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués é unha base de datos léxica que permite o acceso rápido e cómodo a información contida en traballos de léxico dialectal de galego, portugués de Portugal e portugués do Brasil. Para o seu desenvolvemento, o traballo conta coa colaboración, ademais dos investigadores do ILG, de equipos de varias universidades de Brasil e Portugal.

A base deseñada permite consultar de xeito simple a información completa contida en obras lexicográficas e dialectais que non sempre son de fácil acceso para os investigadores. A información das fontes orixinais ofrécese completa e organizada a partir de variantes, lemas, clasificación semántica e localización. A información textual compleméntase cunha representación cartográfica da distribución xeográfica das formas.

As buscas na base poden realizarse a partir das formas léxicas (variantes ou lemas), da localización (Galicia, Portugal e Brasil) ou do campo semántico co que se asocian. En conxunto, o Tesouro contribúe ao estudo do patrimonio tradicional dos respectivos países, tanto na súa vertente material como na inmaterial, realizando deste xeito unha importante contribución os estudos etnográficos. 


Para a conformación dos fondos desta base, o equipo de investigadores reuniu unha serie de fontes que xa estaban dispoñibles previamente, aínda que na maioría dos casos se trata de recursos inéditos e, en moitos casos, outros dos que existen poucos recursos ou en perigo de desaparición, recompilados a través de traballo de campo e buscas específicas. Trátase de traballos académicos previos, artigos ou monografías, recursos en internet de expertos así como de entusiastas que achegan as súas propias escollas en zonas concretas. A partir de todo este material, o equipo do ILG recolleu os rexistros léxicos, coa conseguinte localización xeográfica e autoría, sempre có “ máximo respecto co formato do orixinal”, explicou Rosario Álvarez, quen tamén destacou o importante tratamento expertos dos datos.
 
A coordinadora do proxecto subliñou que esta iniciativa está aberta á súa utilización por un amplo abano de destinatarios/as, dende o persoal investigador dos ámbitos da fonética, a lexicografía ou a etimoloxía, ata investigadores/as da etnografía, a antropoloxía ou a historia, ademais de para ensinantes de todos os niveis, profesionais ou público en xeral.
 
A disposición deste corpus dixital en modo aberto e gratuíto evidencia, segundo explicou o director do ILG Ernesto González, a aposta deste Instituto por facer accesibles os recursos de investigación froito das distintas liñas de traballo do ILG. “Como institución sustentada con recursos públicos consideramos unha obriga devolver á sociedade os resultados das investigacións acadadas con estes recursos”, engadiu González Seoane.
 
O proxecto do Tesouro iniciouse en 2009 promovido polo Instituto da Lingua Galega da USC e na actualidade colaboran nel vinte universidades de Galicia, Brasil e Portugal que contribúen ao que o proxecto siga arrequentándose. En total, este Tesouro integra un total de 112 obras, 8 de Brasil, 49 de Galicia e 55 de Portugal, o que representa en conxunto 155.676 rexistros, 44. 365 lemas e 71.422 variantes.

O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade,  da Fundação para a Ciência e a Tecnología do Ministerio de Educación e Ciencia de Portugal, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e da Xunta de Galicia.
 

Outras imaxes


A presentación realizouse na Sala de Prensa do Colexio de San Xerome. Foto: Servimav-USC