Saltar ao contido principal
Xornal

O reitor entregou os galardóns dos Premios á Calidade Lingüística da USC

Entre os quince premios contemplados repartíronse 5.000 euros nas modalidade de traballos académicos, proxectos de fin de carreira ou de grao e traballos de fin de mestrado

Actualizada: 12-03-2014 13:33
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Sentados, unha representación dos premiados e premiadas: (de esquerda a dereita) Sergio Mariño, María Crespo, María Vieites, Ánxela Vázquez, Cristina Vidal e Irene Lema. Foto: Santi Alvite
O reitor Juan Casares presidiu este mércores 12 a entrega dos galardóns correspondentes aos Premios á Calidade Lingüística, convocados para promover o emprego da lingua galega nos traballos de investigación. Os premios valoraron a calidade lingüística empregada na redacción ao que se suma a certificación do profesor titor correspondente conforme cada traballo presentado contaba cunha mínima calidade científica ou académica.
 
A entrega celebrouse nun acto protocolario na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia na que tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; a secretaria Xeral da USC, Lourdes Noya; e o director do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala. A convocatoria contempla un total de quince premios cunha dotación que, en función da modalidade, oscila entre os 150 euros e diploma para os cinco mellores dos traballos académicos; os 300 euros outorgados aos da modalidade de proxectos fin de carreira ou de grao; e os 500 euros correspondentes aos traballos de fin de mestrado. En total repartíronse 5.000 euros en premios, financiados integramente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
 
Nesta convocatoria presentáronse un total de 153 traballos cunha calidade que o xurado valorou como moi alta, como explicou na entrega Manuel Núñez Singala. “Vos xa sodes unha referencia para o emprego da lingua galega” afirmou Valentín García en referencia aos premiados e premiadas, á quen o reitor animou a ser embaixadores da cultura galega en calquera ámbito a través do uso deste idioma.
 
Fin de grao e fin de carreira
Na modalidade de proxectos fin de grao e de fin de carreira recaeron no graduado en Enfermaría Francisco Xosé Román Losada polo traballo ‘Uso de dispositivos móbiles (teléfono intelixente e tablet) nas unidades de hospitalización: oportunidades para o persoal de enfermaría’ na área de Ciencias da saúde; e a ‘Estudo de decaementos do quarck b en LHCb’, da graduada en Física María Vieites Díaz, na área de Ciencias.
 
Xa en Humanidades fíxose co premio a graduada en Historia Ánxela Vázquez Andrade polo traballo ‘As relacións entre Irlanda e Inglaterra na Idade Media: conquista e identidade (Séculos XII-XIV)’, e na de Ciencias Sociais e Xurídicas Helena Figueiras Vázquez, do grao en Administración e Dirección de Empresas, por ‘Elaboración dun plan de empresa: unha aplicación empírica’.  Por último, na área de Enxeñaría decidiuse outorgar ex aequo o premio a ‘Mellora da correlación entre pares estereoscópicos do satélite IKONOS para a xeración de modelos dixitais de elevacións’ de Lucía Denniss Fernández Rodríguez, da Enxeñaría Técnica en Topografía, e a ‘ Desenvolvemento dunha libraría Java para a codificación e descodificación de mensaxes BURF’, da graduada en Enxeñaría Informática Olalla Galiñanes Feijoo.
 
Fin de mestrado
Na modalidade dos traballos de fin de mestrado, dotados con 500 euros e diploma acreditativo, recaeron en Ruth Rodríguez Bermúdez, do mestrado en investigación en Medicina e sanidade veterinaria, por ‘Situación actual das razas leiteiras en granxas ecolóxicas no norte de España’ na área de Ciencias da Saúde.
 
Na área de Enxeñaría o premio foi para ‘Eliminación de cinc e níquel de disolucións acuosas mediante xeles de taninos de casca de piñeiro’, de Roberto Rodríguez Páramo, do mestrado en Enxeñaría Ambiental; mentres que Larisa Rozados Lorenzo, do mestrado en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e a Cultura, levou o premio na área de Humanidades por ‘Performatividade na poesía galega contemporánea: O caso de Xiana Arias’. En Ciencias Sociais e Xurídicas gañou ‘O ensino dun pasado traumático: o caso da violencia franquista na educación secundaria en perspectiva comparada’, de Concepción López Sánchez, do mestrado en Formación do profesorado.
 
Por último, na área de Ciencias o premio recaeu ex aequo en Cristina Vidal Castiñeira, do mestrado en Matemáticas, por ‘Hipersuperficies reais con dúas curvaturas principais nos planos proxectivo e hiperbólico complexos’ e en Irene Lema Suárez, do mestrado en Biodiversidade e Conservación do Medio Natural, por ‘Aplicación de diferentes métodos de análise na valoración do estado de conservación das poboacións Spiranthes spiralis(l.) Chevall (Orchidacecae) no NW da península ibérica’.
 
Traballos académicos
Na modalidade de traballos académicoso premio foi para o traballo ‘Benestar animal no transporte de animais de abasto’, dun grupo de estudantes terceiro de Veterinaria, pola área de ciencias da saúde; mentres que na de Ciencias premiouse o titulado ‘Evolución da resposta inflamatoria en rodaballo durante a vacinación’, do alumno de quinto de Bioloxía Sergio Mariño Estévez. ‘Estudo de impacto ambiental do ensanche e mellora do vial de enlace entre a estrada LU-530 e a Rúa Doutor Ulises Romero’ é o traballo gañador da Área de Enxeñaría, da autoría da alumna do curso ponte de Enxeñaría Civil Sandra Lombao Fariñas e outra.
 
En Humanidades fíxose co premio María Crespo Vázquez, de primeiro de Filoloxía Galega, pola súa ‘Análise do verbo molestar’, e Alba Blanco Pérez e outras, de segundo de Mestre de Primaria, gañaron na área de ciencias sociais e xurídicas con ‘Do conto á xeometría’.

Os xurados das distintas modalidades contempladas estiveron formados polo director do SNL da USC, Manuel Núñez Singala; os técnicos e técnicas do servizo Xusto A. Rodríguez Río, Manuel Bermúdez Blanco e Isabel Vaquero Quintela; e a do SNL do Concello de Santiago, Socorro García Conde.

Outras imaxes


O reitor presidiu a entrega de premios