Saltar ao contido principal
Xornal

Investigadores de Biodiversidade Animal traballan na conservación do Mazarico real, especie ameazada da que quedan catro parellas reprodutoras en Terra Cha

Actualizada: 18-03-2014 11:18 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cría de Mazarico real. Foto: Jesús Domínguez Conde
A Universidade de Santiago, a través do grupo de Biodiversidade Animal (GI-1270), traballará entre os meses de marzo e xullo na protección e recuperación do Mazarico real (Numenius arquata), unha das aves nidificantes máis ameazadas da Península Ibérica, que está catalogada como especie en perigo de extinción, tanto no catálogo español como no galego de Especies Ameazadas. Cunha poboación na Península de so catro parellas reprodutoras, esta ave localízase actualmente nunha pequena zona de Terra Cha, concretamente no concello de Castro de Rei, aínda que en décadas pasadas tamén criou na antiga lagoa de Antela (comarca de Xinzo de Limia). Esta iniciativa desenvolverase co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
 
O proxecto, coordinado polo profesor Jesús Domínguez, deseñará e executará unha serie de medidas destinadas a reducir a perda de niños e a mortalidade de polos por acción de depredadores como o raposo (Vulpes vulpes). Ademais, os investigadores aplicarán unha técnica de alimentación suplementaria para minimizar a probabilidade de ataques por determinadas aves de presa diurnas cara a polos non volandeiros. O obxectivo final é o de aumentar a produtividade desta ameazada poboación, obxectivo principal xa fixado no Plan de Recuperación.

Neste proxecto, ademais de persoal investigador do grupo Biodiversidade Animal, participa a spin-off Alvariza, vinculada ao mencionado grupo, e colaboran activamente técnicos, axentes e vixiantes da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras da Xunta de Galicia. Con anterioridade a esta iniciativa, os mesmos investigadores xa realizaran en 2007 para a entón Consellería de Medio Ambiente o Plan de Recuperación desta especie e a monitorización da súa poboación de modo ininterrompido dende entón.

Outras imaxes


Exemplar adulto de Mazarico real. Foto: Jesús Domínguez Conde