Saltar ao contido principal
Xornal

O proxecto europeo Life+Opere optimizará a xestión enerxética en instalacións técnicas de Campus Vida

Agárdase unha redución do 30% do consumo de enerxía asociado á xeración térmica e do 35% das emisións contaminantes

Actualizada: 20-03-2014 13:25
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Francisco González, no centro, acompañado de Rocío Fernández e Juan Arias. Foto: Santi Alvite
Unha xornada de traballo na Facultade de Matemáticas iniciou este xoves 20 o traballo de Life+Opere, acrónimo do proxecto europeo ‘Xestión Eficiente de Redes de Enerxía’ que lidera a USC en cooperación con EnergyLab e con financiamento do programa LIFE da área medioambiental. Life+Opere optimizará a xestión enerxética dun conxunto de instalacións técnicas da USC situadas en Campus Vida, mediante o deseño, desenvolvemento de estratexias de aforro e eficiencia enerxética, a implantación dun plan demostrativo e a avaliación dos resultados obtidos coa planta piloto para analizar retornos de inversión das diversas estratexias.
 
O investigador principal do proxecto, o profesor Juan Arias Rodríguez, agarda que o desenvolvemento de Life+Opere permita alcanzar unha redución do consumo de enerxía asociado á xeración térmica do 30%, e dunha redución das emisións contaminantes do 35%. Ademais, a previsión é igualmente desenvolver un sistema de xestión de redes enerxéticas facilmente replicables e acadar referencia do impacto da implantación de sistemas de xestión en edificios terciarios de gran consumo.
 
Para lograr os seus obxectivos, o proxecto realizará auditorías e simulacións enerxéticas, así como de impacto ambiental, traballarase no deseño da arquitectura do sistema de monitorización e xestión de redes e na implantación de medidas de eficiencia enerxética e dos sistemas de seguimento e xestión. Ademais, LIFE+OPERE manterá contacto con empresas e organismos para intercambiar experiencias e coñecementos que permitan mellorar os resultados e aumentar o seu impacto medioambiental e socioeconómico.
 
Neste proxecto participan investigadores do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas, do Centro de investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS) e diversas áreas relacionadas coa xestión de infraestruturas, enerxía e medio ambiente da USC, así  como persoal técnico de EnergyLab. O proxecto finalizará en dicembro de 2016 para o que contará cun orzamento de 1,19 millóns de euros e unha achega da UE en forma de cofinanciamento de 566.739 euros.
 
Xornada de lanzamento
A xornada técnica de traballo abriuna o vicerreitor de Investigación, Francisco González, xunto a quen tamén estivo presente a directora xeral de EnergyLab, Rocío Fernández. A quenda de intervencións comezou coa participación dos profesores da USC Juan Arias e José Taboada, da coordinadora da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, Teresa Barral, e de Juan Rodríguez en representación de EnergyLab.

A continuación celebrouse un Foro de Eficiencia Enerxética cunha mesa redonda sobre casos de éxito na que interviñan María Lorenzo, da empresa Schneider; Joaquín Jarrín García, de Gerencia Energética; Patricia Liñares, de In Situ; Carlos Rivas, de ELINSA; e Alberto Martínez, deCO2 Smart Tech; moderados por Fernando Blanco, responsable de Enerxía e Sustentabilidade da USC.