Saltar ao contido principal
Xornal

A Quenlla sae ao paso do “desleixo actual” cun novo traballo de cancións de amor, loita e dor no seu trixésimo aniversario

A formación galega presenta este venres na Casa do Saber de Lugo o disco ’30 anos con A Quenlla de amor, dor e loita’, un dobre CD que inclúe 26 temas de autor

Actualizada: 27-03-2014 08:51
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Carátula do último traballo de A Quenlla

O grupo A Quenlla presentará este venres, día 28 de marzo, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, o seu último álbum ’30 anos con A Quenlla de amor, dor e loita’, un traballo co que esta formación galega pretende saír ao paso fronte á actuación “situación de crise e desleixo”, afirma Baldomero Iglesias, Mero.

 
O novo disco de A Quenlla, que vén de converterse en realidade xusto cando se cumpren 30 anos da formación deste grupo, deixa a un lado a música tradicional para centrarse de cheo nas cancións de autor. Este dobre CD inclúe 26 temas, todos eles cancións de autor. Algunhas son xa cancións moi antigas que fomos deixando polo camiño, mentres que outras son de nova creación propia, relata Mero.
 
‘30 anos con A Quenlla de amor, dor e loita’ é a suma de dez vontades, en alusión aos dez integrantes do grupo, que desde hai tempo querían facer algo fronte a esta conxuntura de abandono das orixes e tamén da propia identidade. O ex compoñente histórico de Fuxan os Ventos e tamén membro fundador de A Quenlla, xunto con, entre outros, Xosé Luis Rivas Cruz, Mini, sinala asemade que no título deste novo álbum conflúen a temática das cancións e os 30 anos do nacemento deste grupo musical.
 
Entre os textos musicados recollidos neste disco cómpre salientar a inclusión por vez primeira de dous poemas de Álvaro Cunqueiro, o que é a nosa primeira aproximación coa música á súa obra. Hai tamén cancións reivindicativas, de protesta, algúns textos escritos baixo pseudónimo na República, cancións de amor e de dor ferida ou, entre outras, unha elexía ao Ché.
 
A escrita de Manuel María, o poeta da Terra Chá tantas veces presente na música de A Quenlla, tamén volve se protagonista na última entrega deste xa lonxevo grupo galego, un traballo no que tamén se inclúen textos musicados doutros autores como Curros Enríquez, Lorenzo Varela, Lois Diéguez, Xosé Lois García, Darío Xohán Cabana ou mesmo ‘Penélope’,o máis sonado dos poemas de Xosé María Díaz Castro, ao que este ano lle renden tributo as Letras Galegas.
 
Alén da temática e da autoría dos textos musicados neste disco, ‘30 anos con A Quenlla de Amor, Dor e Loita’ podería definirse como “un traballo máis instrumentalista que os anteriores”, segundo di o propio Mero, que tamén ve este álbum como “un disco máis redondo que outros xa publicados con anterioridade e no que tamén se pode apreciar a influencia dos músicos ucraínos que recentemente se incorporaron a esta formación”.
 
Mero cualificou asemade de moi acaída a elección da capital luguesa como escenario de presentación do novo álbum de A Quenlla, porque “o grupo é moi de Lugo e tamén porque neste traballo inclúense temas de moitos escritores da provincia”, dixo.
 
O concerto de presentación de ’30 anos con A Quenlla de amor, dor e loita’ está incluído no ciclo Lubicán 2014, un programa musical financiado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan o Concello e a Deputación de Lugo xunto coa USC. A actuación desenvolverase a partir das 20.30 horas no auditorio da Casa do Saber de Lugo. A entrada é libre e para todas as persoas interesadas e o aforo é limitado.