Saltar ao contido principal
Xornal

Miguel Anxo Murado intervén a vindeira semana no ciclo sobre a memoria en Historia

Recupera, deste xeito, a conferencia que tivera que cancelar o pasado mes de xaneiro

Actualizada: 31-03-2014 14:18
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Miguel Anxo Murado
O escritor e especialista en política internacional Miguel Anxo Murado (Lugo, 1965) retomará a vindeira semana a súa participación no ciclo de conferencias ‘ Pasados incómodos: guerra, memoria e historia’ no que tivo que aprazar a súa intervención o pasado mes de xaneiro. Murado pronunciará o próximo luns 7 a conferencia ‘República e guerra civil. A construción da memoria’, nun acto que comezará ás 12.00 horas na Aula 13 da Facultade de Xeografía e Historia.
 
Miguel Anxo Murado é autor de máis de vinte libros de ficción e ensaio, entre os que destacan Outra idea de Galicia no que deconstrúe os mitos e tópicos historiográficos e populares que a envolven e La invención del pasado. Verdad y ficción en la historia de España. Ademais, é colaborador habitual da Cadea Ser, a BBC e o xornal The Guardian.
 
O ciclo
Especialistas da historia, estudos culturais, socioloxía, xudicatura e do pensamento analizarán nos vindeiros meses na USC o pasado e a memoria, así como o seu tratamento presente no ciclo ‘Pasados incómodos: guerra, memoria e historia’ que organiza o grupo de investigación Histagra da USC. Xermán Labrador, Ricardo Robledo, Anxo Loureiro, Palomar Aguilar e Jesús Izquierdo Martín completan o elenco de relatores que ata xuño deste ano achegarán novas perspectivas sobre o pasado incómodo e o seu tratamento actual.
 
Á conferencia do próximo dia 7 seguiralle a intervención o xoves, dia 10 de abril, a conferencia ‘Historia científica VS Historia de combate na II República. Viño novo en odres novos?’ do catedrático de Historia Económica da Universidade de Salamanca Ricardo Robledo Hernández.

Histagra

Un dos principais obxectivos de Histagra é o estudo do golpe de 1936, a Guerra Civil, o franquismo e a transición política en España, e neste marco se desenvolverá o ciclo de conferencias dando así continuidade á experiencia acumulada polo grupo de nomesevoces.net que en 2007 organizou o I Encontro de Grupos de Investigación: Historia e Memoria e en 2010 o Congreso Internacional: Memoria da Guerra, reconciliación e cultura de paz.