Saltar ao contido principal
Xornal  »  O catedrático Juan Manuel Escudero Muñoz incorporouse ao claustro de doutores <em>honoris causa</em> da USC

O catedrático Juan Manuel Escudero Muñoz incorporouse ao claustro de doutores honoris causa da USC

Na súa lección maxistral reivindicou o papel da pedagoxía e a universidade na sociedade actual

Actualizada: 09-04-2014 13:02
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor no momento da entrega. Foto: Santi Alvite
A Universidade de Santiago de Compostela investiu este venres 4 doutor honoris causa ao catedrático de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Murcia, Juan Manuel Escudero Muñoz, nun acto académico presidido polo reitor Juan Casares Long e no que actuou como padriño o tamén profesor de Didáctica e Organización Escolar na USC José Felipe Trillo.

Na súa lección maxistral, Juan Manuel Escudero, reivindicou o papel da universidade na sociedade e chamou á reflexión permanente sobre os criterios pedagóxicos, ao tempo que comparou a pedagoxía cun “faro testemuña dende o que se pode contemplar o temporal, entender a súa xénese, a súa evolución e os seus efectos”. O catedrático aproveitou o seu discurso para apelar a unha pedagoxía que “se centre en evitar a indignación, cultivar a esperanza e traballar en maiores cotas de xustiza, reunindo esforzos para poñer á universidade ao servizo da cidadanía e crear unha sociedade mellor que a actual”. Escudero posicionose no seu discurso en contra da tiranía dos números e das aparencias e avogou polas posibilidades da pedagoxía para cambiar a orde económica, política e social.

Pola súa banda, o reitor lembrou o paso de Escudero pola USC como un período especialmente relevante no quefacer institucional, académico e investigador da Facultade de Ciencias da Educación e agradeceu o seu traballo na adaptación de estudos acorde ás necesidades da sociedade. Casares Long apelou ao dereito á educación para asegurar que eloxiando a obra de Escudero, “eloxiamos á educación”. Na laudatio, Felipe Trillo destacou a relevancia das achegas de Escudero á pedagoxía para a mellora da educación e o seu afán por compartir éxitos ao tempo que salientou a súa conduta como exemplo para xeracións presentes e futuras e asegurou que co seu nomeamento como honoris causa se “festexa unha biografía que condensa en si mesma todo o mellor que unha universidade pode dar de si”.

No acto deuse lectura a un comunicado do reitor da Universidade de Murcia, José Antonio Cobacho, destacando as cualidades do pedagogo e agradecendo á USC este nomeamento. Entre o nutrido grupo de asistentes ao acto de investidura atopábanse representantes de diversas institucións locais e autonómicas tanto políticas como sociais, e numerosos profesores de diversas áreas e facultades da USC, así como doutras universidades como a da Coruña, Alcalá de Henares, Euskadi, Estremadura, Granada, La Laguna, Las Palmas de Gran Canaria, Oviedo, Salamanca, Sevilla, Vigo, Zaragoza, Valencia, Oviedo e Murcia, nas que traballou como docente o profesor Escudero Muñoz.

Currículo
O novo honoris causa é autor de numerosos e recoñecidos estudos sobre as reformas escolares, o profesorado e o desenvolvemento dos centros como comunidades profesionais de aprendizaxe, a inclusión e exclusión educativa, o asesoramento pedagóxico e a avaliación do alumnado. Conta no seu haber con corenta libros escritos, coordinados ou dirixidos, trinta capítulos de libros, sesenta artigos, corenta conferencias en congresos, quince proxectos de investigación e dirixiu trinta teses de doutorado. Naceu en Campillo de la Deleitosa (Cáceres, 1947), en 1972 licénciase en Pedagoxía pola Universidade Pontificia de Salamanca, en 1975 comeza a súa carreira docente na Universidade de Valencia e en 1977 doutorase cunha tese dirixida por José Luis Rodríguez Diéguez. Escudero desenvolveu a súa actividade docente na USC entre 1981 e 1983, obtendo a Cátedra en 1982 e exercendo como decano, posto que abandona para trasladarse a Murcia. Dende aquelas, continuou colaborando en numerosas iniciativas da facultade de Ciencias da Educación e do Departamento de Didáctica e Organización Escolar, en aspectos como a dirección de teses, tribunais de doutorando, organización e participación en congresos, conferencias e proxectos de investigación.

Outras imaxes


Numeroso público asistiu ao acto de investidura de Juan Manuel Escudero. Foto: Santi Alvite

O reitor presidiu o acto. Foto: Santi Alvite