Saltar ao contido principal
Xornal

A USC e a RAG publican os apuntamentos da viaxe de Emilia Pardo Bazán por Europa en 1873

O libro Emilia Pardo Bazán: Apuntes de un viaje. De España a Ginebra (1873) é unha transcrición e reprodución dixital dun libro inédito escrito pola autora

Actualizada: 09-04-2014 14:31
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita: González Herrán, Casares Long, Alonso Montero e Blanco Valdés. Foto: Santi Alvite
Unha viaxe de cinco meses por cidades doutros tantos países da man de Emilia Pardo Bazán en 1873 é o percorrido que propón a USC e a Real Academia Galega no libro Emilia Pardo Bazán: Apuntes de un viaje. De España a Ginebra (1873). Reprodución facsímil con estudo, edición e notas de José Manuel González Herrán. Tratase dun libro dixital de aceso aberto que foi presentado este mércores 9 nun acto no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome que foi presidido reitor Juan Casares e ao que asistiron o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero; o director do Servizo de Publicacións, Juan L. Blanco Valdés; e o editor literario, o catedrático de Literatura Español ada USC, José M. González Herrán.

Durante o acto de presentación, o reitor destacou as posibilidades de difusión desta nova experiencia de edición que inclúe unha estatística das consultas da obra que dan conta do éxito desta iniciativa. Juan Blanco salientou que esta publicación forma parte da aposta decidida da USC pola edición dixital en aberto especialmente para a edición científica e técnica e destacou que o texto ofrece numerosas posibilidades de navegación e consulta. Pola súa banda, Alonso Montero insistiu no feito de que o libro denota o talento da autora, enriquecido coas notas aclaratorias de González Herrán.

O profesor González Herrán, explicou que o libro describe a viaxe que realizaron en xaneiro de 1873 Emilia Pardo Bazán e a súa familia por Europa. Partiron o 1 de xaneiro dende Ourense e percorreron numerosas cidades de España, Francia, Italia, Suíza e Austria. Ao seu paso por Zamora, Burgos, Biarritz, Burdeos, París, Turín, Milán, Venecia ou Verona, a escritora tomou apuntamentos sobre as súas impresións nun texto de carácter privado que agora ve a luz.

Investigacións
González Herrán realizou o estudo introdutorio e transcrición a partir do manuscrito orixinal explicou que este se conserva no Fondo Documental da Real Academia Galega. Alí permanecía descoñecido para os investigadores que si sabían da viaxe de Emilia Pardo Bazán por Europa aínda que con dificultades para datala con exactitude. O texto conservouse a pesar de que a autora nunca tivo a intención de publicalo e o escribiu como uns apuntamentos de carácter privado.

Emilia Pardo Bazán tiña 21 anos cando emprendeu esta viaxe e ata ese momento só publicara algúns relatos e versos polo que de ser publicado daquelas este sería o primeiro libro da autora. A edición inclúe a reprodución dixital do manuscrito orixinal que consta de 35 pregos de papel rallado aínda que faltan algunhas páxinas que se corresponden co fin da viaxe e a visita a Exposición Universal de Viena.

Os apuntamentos de Pardo Bazán teñen un considerable valor porque a autora describe, no seu percorrido europeo, non só os lugares, a paisaxe e os monumentos dos lugares que visita, se non que fixouse especialmente na xente, os seus costumes, as súas diversións e as actividades comerciais, entre outros aspectos. Deste xeito, o documento denota o seu perfil ideolóxico e estético e fai unha minuciosa descrición sobre a sociedade da época nos diferentes lugares visitados.

Edición en aberto
O libro Emilia Pardo Bazán: Apuntes de un viaje. De España a Ginebra (1873) está editado cunha licenza Creative Commons. É a primeira coedición dixital nativa de acceso libre e gratuíto polo que calquera persoa interesada pode consultar ou descargar o libro a través do repositorio institucional da USC Minerva, unha ferramenta da institución docente para albergar, difundir e preservar os documentos dixitais resultantes das actividades de investigación e docencia da Universidade ao tempo que fomenta a comunicación científica polo seu acceso aberto. Ata o momento o libro xa foi consultado por máis de 240 persoas de España, Estados Unidos de América, Italia, Francia, Arxentina, China, Alemaña, Reino Unido e Suecia.