Saltar ao contido principal
Xornal

O catedrático de Matemática Aplicada Juan Viaño, elixido novo reitor da USC

Actualizada: 25-04-2014 22:52
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Juan Viaño nun encontro cos medios de comunicación. Foto: Servimav-USC
A comunidade universitaria elixiu reitor da USC para os vindeiros catro anos ao profesor Juan Viaño quen recibiu o respaldo de 1.988 votos por 1.914 de Antonio López. En canto ao voto ponderado, Viaño suma 1.195 papeletas (50,53%) e López 1.170 (49,47%). Nesta xornada electoral, elixíronse ademais os representantes dos distintos sectores universitarios no Claustro Universitario, aínda que os datos provisorios coñeceranse nos vindeiros días.
 
Por sectores, Juan Viaño acadou a maioría dos votos do sector do alumnado (63%) e do das restantes categorías do PDI (57,70%). Pola súa banda, Antonio López foi o máis votado entre o colectivo do profesorado doutor con vinculación permanente (54,26%) e no do Persoal de Administración e Servizos (67,78%).
 
Participación
Nestes procesos podían exercer o dereito a voto un total de 31.352 persoas organizadas en catro sectores universitarios. Concretamente, o total do censo repártese entre 1.554 votantes do sector de profesorado doutor con vinculación permanente; 2.458 persoas correspondentes ás restantes categorías de PDI; 26.028 votantes correspondentes ao sector do estudantado de grao, 1º e 2º Ciclo, máster, doutoramento e posgrao propio; e as 1.312 persoas do cadro de Persoal de Administración e Servizos.
 
As urnas recolleron un total de 4.530 votos, dos que 4.377 foron válidos, 454 en branco e 153 nulos. A participación media foi do 14,45%, se ben no sector do profesorado doutor con vinculación permanente ascendeu ao 86,94% con 1.351 votos emitidos; no do PAS a 73,70% con 967 votos, no das restantes categorías do PDI a 19,37% e 476 votos; e na do estudantado ao 6,67% e 1.736 votos emitidos.
 
Por Campus, as taxas de participación do primeiro sector foron superiores en Lugo que en Compostela (89,70% e 86,27%, respectivamente), o mesmo que nas restantes categorías do PDI (33,85% e 17,67%) e no sector do persoal de administración (88,95% en Lugo e 71,12 en Compostela). No relativo ao estudantado Santiago rexistra unha maior participación, 6,97% fronte ao 4,93% de Lugo.
 
Voto ponderado
Conforme á modificación do Regulamento Electoral Xeral da USC, a ponderación do voto nas eleccións a reitor determínase en función do sector, de xeito que o de profesorado funcionario doutor con vinculación permanente representa o 51%; o resto de categorías de PDI o 11%; o alumnado matriculado en titulacións oficiais, o 28%; e o Persoal de Administración e Servizos (PAS) o 10%.
 
Juan Viaño
Juan Viaño Rey (Boqueixón, 1955), catedrático do Departamento de Matemática Aplicada dende o ano 1988, é doutor pola Universidade compostelá e máis pola universidade Pierre et Marie Curie – París VI. Foi decano da Facultade de Matemáticas entre 2001 e 2009 e vicerreitor de Profesorado e Organización Académica dende 2009 a 2010.
 
Como investigador traballa na modelización matemática e análise numérico de problemas de estruturas finas e outros aspectos relacionados coa biomecánica como a formación de implantes, osos e ortodoncia. Foi presidente da Comisión de Posta en Marcha do Instituto Español de Matemáticas (IEMath) e promotor da súa sede galega así como do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, formado polas tres universidades galegas. É coordinador do proxectos Estalmat-Galicia, unha iniciativa de estimulación do talento matemático entre os escolares galegos.
 
Calendario electoral

Celebrada a votación, a proclamación provisional do reitor electo producirase o 26 de abril, abríndose entre o día 28 de abril e o 5 de maio un período para a presentación de recursos ante a Comisión Electoral Central. A proclamación definitiva producirase entre o 6 e o 8 de maio.


Outras imaxes


Juan Viaño obtivo o 50,53% do voto ponderado. Foto: Santi Alvite