Saltar ao contido principal
Xornal

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística impulsa Funil.gal

Trátase dunha iniciativa para dotar á lingua galega de novas ferramentas multimedia no ámbito científico

Actualizada: 09-05-2014 14:57
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística  porá en marcha o proxecto Funil.gal, unha iniciativa que procurará dotar á lingua galega de novas ferramentas multimedia para o ámbito científico, inicialmente no ámbito da química e en concreto no terreo das prácticas de laboratorio nas tres universidades galegas. Contará co financiamento destas e tamén da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia. Esta comisión, de presidencia rotatoria entre as tres universidades galegas, celebrou este venres 9 unha xuntanza na Reitoría da USC onde se reuniu por vez primeira iniciando a quenda da universidade compostelá na súa presidencia.
 
A elaboración dunhas bolsas para a interpretación simultánea á lingua galega nos congresos de carácter científico que se celebren nas tres universidades foi outro dos temas tratados na xuntanza, na que se abordou tamén o proxecto de edición en galego de manuais dos primeiros cursos dos graos.

Na xuntanza participaron o reitor Juan Casares, en calidade de presidente da Comisión; a secretaria xeral da USC e o da Universidade da Coruña, Lourdes Noya e Carlos Alberto Amoedo, respectivamente; os responsables de Normalización Lingüística das tres universidades, Manuel Núñez Singala (USC), Xosé Ramón Freixeiro Mato (UDC) e Paula Cabral Pedreira (UVigo); o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a subdirectora xeral de Planificación da Secretaría Xeral de Política Lingüística, María Elvira Casal García; e o profesor Eduardo González Gurriarán.