Saltar ao contido principal
Xornal

Investigadores do grupo de NeurObesidad descobren o mecanismo mediante o cal os estróxenos regulan o peso corporal

O traballo publicado na revista Cell Metabolism, dá un novo paso para definir posibles dianas terapéuticas e novos fármacos contra a obesidade, o control da masa corporal e as alteracións de peso que caracterizan á menopausa

Actualizada: 28-05-2014 14:10 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Nos ensaios realizados, comprobaron que a administración de doses mínimas de estradiol foi suficiente para incrementar a temperatura corporal dos animais
O grupo de investigación de NeurObesidad que dirixe o profesor Miguel López acaba de descubrir o mecanismo polo que o estradiol –a hormona sexual feminina por excelencia- actúa sobre o hipotálamo para incrementar a capacidade do tecido adiposo pardo para “queimar graxa”. Como explican os investigadores, iníciase así un novo camiño para definir posibles dianas terapéuticas e novos fármacos contra a obesidade, o control da masa corporal e as alteracións de peso que caracterizan á menopausa.
 
O grupo do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CIMUS), adscrito ao IDIS e ao CIBERobn, realizou estes achados en colaboración con investigadores da Universidade de Córdoba e o Instituto Maimónides de Investigación Biomédica de Córdoba (IMIBIC), dirixidos polo profesor Manuel Tena-Sempere, e das universidades de Ámsterdam e de Iowa.
 
Segundo os ensaios realizados, Miguel López explica que a administración de doses mínimas de estradiol directamente no hipotálamo “foi suficiente para incrementar de modo moi potente a temperatura corporal dos animais e reducir a súa masa corporal, como resultado dunha estimulación da produción de calor polo tecido adiposo pardo”. Ao contrario, a deficiencia de estradiol, unha situación similar á que se produce na menopausa en mulleres, diminúe a activación do tecido adiposo pardo, o que leva consigo a un acumulo de graxa e ao característico incremento de peso.
 
A publicación de maior impacto en todo o mundo no campo da Endocrinoloxía e Metabolismo, a revista Cell Metabolism, publica na súa edición dixital o artigo titulado Estradiol Regulates Brown Adipose Tissue Thermogenesis via Hypothalamic AMPK (http://www.cell.com/cell-metabolism/abstract/S1550-4131(14)00179-X). O equipo de Miguel López demostra que a acción do estradiol sobre poboacións neuronais do hipotálamo regula el encima AMPK e, como consecuencia deste efecto, produce unha activación do tecido adiposo pardo, que incrementa a súa capacidade para “queimar graxa”, estimulando o gasto calórico e a diminución da masa corporal. Unha das particularidades deste tecido é que non almacena lípidos (ao contrario que a graxa branca), senón que os “queima” para obter enerxía, que á súa vez se disipa en forma de calor. Así, a activación do tecido adiposo pardo polo estradiol axudaría a queimar máis calorías e producir calor corporal a partir das graxas.
 
Estes datos explican o interese que este tecido esperta como posible diana terapéutica no tratamento da obesidade. Non obstante, como sinala Miguel López, “os mecanismos moleculares que regulan o seu funcionamento no cerebro non son de todo coñecidos polo que é determinante comprendelos”. En calquera caso, o mecanismo descrito polos investigadores do CIMUS, comparte similitudes cos mecanismos de acción doutras hormonas, como as hormonas tiroideas e o BMP8B, descritos tamén polo grupo compostelán, e incluso a nicotina, indicando que “se trata dun mecanismo básico de regulación da masa corporal, o cal é moi atractivo dende o punto de vista terapéutico”.

Esta investigación foi financiada polo Programa Starting Grant do European Research Council, a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, o Ministerio de Economía e Competitividade e o Instituto de Salud Carlos IIIe forma parte das teses dos doutores Pablo Blanco e Ricardo Lage, dirixidas polos profesores Miguel López y Carlos Diéguez.