Saltar ao contido principal
Xornal

Presentan en Santiago unha imaxe inédita da faceta internacional de Valle-Inclán

Cun seminario e unha exposición este martes 8 de xullo

Actualizada: 07-07-2014 14:09
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
Botar luz sobre o legado de Ramón María del Valle-Inclán afondando na súa dimensión internacional a través das traducións realizadas en vida da súa obra é o propósito dun seminario que este martes 8 terá lugar no Consello da Cultura Galega. A xornada servirá de preludio á inauguración da exposición ‘Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido [1906-1936]’ que esa mesma tarde, ás 20.00 horas, se inaugurará no Claustro alto do Colexio de Fonseca.
 
Con ambas actividades presentarase unha imaxe inédita do Valle-Inclán escritor e intelectual alén das nosas fronteiras, derivada do coñecemento de nova documentación, en boa parte reunida nos últimos anos polo Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC: un corpus que, ademais de ampliar considerablemente a nómina de xestores, tradutores, editores, críticos, revistas ou xornais, incorpora novas traducións das obras publicadas en vida do escritor; artigos críticos de recepción da súa figura e obra; o epistolario cruzado con algúns dos axentes responsables do proceso de publicación noutros países e mesmo as ilustracións e caricaturas que acompañan os textos.

O seminario
No seminario ‘A difusión internacional da figura de Ramón María del Valle-Inclán no seu tempo’, que se inaugurará ás 11.00 horas, participan estudosos de referencia como os docentes e investigadores da USC Rosario Mascato Rey, Margarita Santos Zas e Javier Serrano, ou o profesor da Universidade de California Dru Dougherty. Coas intervencións preténdese dilucidar se foi o autor un escritor coñecido internacionalmente no seu tempo e, de selo, onde obtivo maiores cotas de éxito, en que linguas foi máis lido ou cales eran as súas expectativas, entre outras cuestións.