Saltar ao contido principal
Xornal  »  O concurso InvestigArte foi seleccionado pola Fundación Teléfonica entre as súas cen iniciativas máis eficaces para fomentar vocacións científicas

O concurso InvestigArte foi seleccionado pola Fundación Teléfonica entre as súas cen iniciativas máis eficaces para fomentar vocacións científicas

Actualizada: 10-07-2014 13:55
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Categoría macro, primeiro premio: Pintando xenes de Javier Sampedro Jiménez (Paredes Celulares de Plantas, Facultade de Bioloxía, Universidade de Santiago de Compostela)
O concurso InvestigArte acaba de ser seleccionado pola Fundación Telefónica entre as cen iniciativas máis eficaces para fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas. A intención desta Fundación é identificar iniciativas educativas innovadoras con resultados demostrados no ámbito do ensino das ciencias en senso amplo.
 
InvestigArte é unha convocatoria que xa acumula dúas edicións que busca, a través da imaxe, explicar ás novas xeracións e á sociedade en xeral o alcance das innovacións científicas e tecnolóxicas asociadas a proxectos de investigación. Grupos de investigación, así como alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional son os destinatarios deste concurso. No seu desenvolvemento cooperan o Campus de Excelencia Internacional da USC, Campus Vida; educaBarrié (a canle de comunicación coa comunidade educativa da Fundación Barrié); e o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS).
 
O concurso xurdiu a partir dun grupo de investigadores novos que, a través dun concurso científico-visual, buscan dar a coñecer a investigación que se está realizando na actualidade e como esta repercutirá no benestar da poboación. “A ciencia é un alicerce importante para a mellora da calidade de vida das persoas así como para fortalecer a economía dos países”, sinalan os seus promotores. Neste senso, InvestigArte tenta desenvolver novas canles de comunicación na difusión da ciencia, “en tanto que realidade pouco coñecida para o gran público” propiciando o achegamento dos grupos de investigación e os seus resultados á sociedade.

Como apuntan os seus promotores, o concurso traza un vía para facer chegar á cidadanía dun xeito claro e mesmo palpable a significación e o alcance do traballo realizado en laboratorios e centros de investigación, resaltando a relación directa existente entre progreso e ciencia.