Saltar ao contido principal
Xornal  »  Investigadores da USC simplifican o procedemento para obter grafenos a escala nanométrica

Investigadores da USC simplifican o procedemento para obter grafenos a escala nanométrica

Este novo procedemento podería facilitar o desenvolvemento dunha nova xeración de dispositivos electrónicos

Actualizada: 15-07-2014 14:21
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe dun nanografeno con forma de trébol, obtida por microscopía de forza atómica
Investigadores da USC en colaboración co grupo IBM Research (Suiza) desenvolveron un método que simplifica a obtención de nanografenos de alta calidade a partir de compostos orgánicos facilmente dispoñibles. O grafeno está considerado un material único que se atopa na base dunha tecnoloxía completamente nova. Neste novo campo, un dos maiores desafíos é o desenvolvemento de metodoloxías para a preparación deste material cun tamaño nanométrico e alta calidade, “xa que conseguir un perfecto control sobre o seu tamaño e xeometría é fundamental para explorar novas aplicacións en electrónica”, explica Diego Peña do grupo de investigación COMMO do CiQUS.
 
O método descuberto polos investigadores da USC permite obter nanografenos ben definidos mediante “unha única e sinxela reacción a partir do perileno, un composto orgánico moi común”. O método baséase na reactividade dun grupo de moléculas denominadas arinos, que poden actuar como unha especie de “pegamento molecular” para unir fragmentos de grafeno. Segundos os autores deste traballo, os nanografenos con forma de trébol obtidos nesta investigación foron depositados en películas illantes ultrafinas e a súa imaxe obtívose con resolución atómica mediante microscopía de forza atómica (AFM). En opinión de Diego Peña, a preparación destes materiais, con diferentes tamaños e formas, podería ser crucial para construír circuítos electrónicos baseados no grafeno, maquinaria molecular e dispositivos dunha soa molécula.
 
O traballo que describe o método acaba de ser publicado na prestixiosa revista Angewandte Chemie e conta coa participación dos docentes Enrique Guitián e Dolores Pérez e a estudante de doutoramento Sara Collazos, integrantes do grupo COMMO. Este grupo foi pioneiro na síntese de grafenos de tamaño nanométrico dende un enfoque ascendente (ensamblando partes máis pequenas mediante as reaccións químicas axeitadas). Pola súa banda, o grupo de IBM é especialista nos usos de microscopía AFM con resolución atómica.

Ambos grupos xa colaboraran con anterioridade e publicaran os seus resultados en publicacións destacadas como Science en 2012. Actualmente forman parte do proxecto europeo de grande escala PAMS (Planar Atomic and Molecular Scale Devices) que con nove millóns de euros de orzamento ten como obxectivo o desenvolvemento de dispositivos electrónicos a escala nanométrica, co fin de obter a miniaturización extrema dos equipos utilizados no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación.

Ligazóns relacionados: