Saltar ao contido principal
Xornal

O proxecto EMCHAHE desenvolverá ata 2017 un estudo pioneiro sobre as igrexas altomedievais en Galicia

O obxectivo é coñecer mellor estas construcións, as sociedades que lle deron forma e as raíces da organización tradicional rural galegas

Actualizada: 31-07-2014 14:53
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

José Carlos Sánchez-Pardo e Leticia López documentando pezas altomedievais e romanas reempregadas nos muros exteriores da Capela de San Antón da Siota (Xunqueira de Ambía)
Un equipo de arqueólogos e historiadores da USC está realizando un estudo pioneiro sobre as evidencias, arqueolóxicas e textuais, de igrexas da alta Idade Media en Galicia. Para desenvolver aspectos complementarios do traballo conta coa colaboración de especialistas do Instituto de Ciencias do Patrimonio do Consello Superior de Investigacións Científicas (Incipit-CSIC) e do Grupo Interdisciplinar de Patrimonio Cultural e Xeolóxico da Universidade da Coruña (CulXeo UdC). Os investigadores agardan acadar un mellor coñecemento destas construcións, as sociedades que lle deron forma e as raíces da organización tradicional rural galega, ao tempo que poñer en valor o enorme patrimonio que constitúen estes templos, algúns en estado de abandono ou semiabandono.
 
O traballo desenvólvese no marco do proxecto EMCHAHE (Early Medieval Churches: History, Archaeology and Heritage) liderado polo grupo de investigación SINCRISIS que coordina o catedrático Marco García Quintela, co financiamento da Axencia Europea de Investigación que lle concedeu ao investigador deste grupo José Carlos Sánchez Pardo unha axuda europea Marie Curie Career Integration Grant. O traballo, a desenvolver entre 2013 e 2017, supón a configuración dun pequeno equipo multidisciplinar formado por Rebeca Blanco Rotea, arqueóloga contratada polo proxecto e especialista en arqueoloxía da arquitectura (USC), co doutor Jorge Sanjurjo Sánchez para a datación absoluta dalgunhas igrexas escollidas con técnicas xeológicas (Culxeo), así como coa colaboración do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) en temas de documentación xeométrica (Patricia Mañana Borrazás) e investigación arqueoastronómica (A. César González García).
 
Para recompilar e analizar por primeira vez en conxunto as distintas evidencias (arquitectónicas, arqueolóxicas e documentais das igrexas), o equipo seleccionou tres zonas de estudo nos contornos de Lugo, Ourense e de Iria Flavia, onde se estudarán máis de 100 templos que inclúen evidencias altomedievais. O estudo articularase arredor de tres fases que comprenden a prospección, a análise e divulgación do material avaliado.
 
Na primeira, o grupo recompilou evidencias de igrexas altomedievais de Galicia coñecidas en fontes bibliográficas e documentais, como os documentos medievais dos mosteiros de Sobrado dos Monxes, Samos ou Celanova. Nun segundo momento, o grupo realiza prospeccións nas igrexas seleccionadas como obxecto de estudo, o que está permitindo obter mostras e materiais que xa foron analizadas. Concretamente, xa se dispón de resultados tanxibles para doce edificacións, entre elas a igrexa de San Martiño de Armental, en Vilasantar; na Capela de San Pedro de Pambre; ou as evidencias de dúas probables igrexas altomedievais localizadas no campamento romano da Cidadela en Sobrado e que os investigadores asocian a unha importante renovación arquitectónica que copia o modelo romano.
 
Ata o momento detectáronse máis de 400 evidencias arqueolóxicas e textuais das igrexas estudadas. É un cifra que os responsables do traballo consideran proporcionalmente moi superior á coñecida en áreas veciñas como Asturias ou País Vasco e que, dado o número de edificacións con máis de 1.200 anos de historia existentes en Galicia, podería converterse en elemento de dinamización do seu entorno. Neste senso, José Carlos Sánchez Pardo salienta que “estamos nunha comunidade autónoma que convén explorar, xa que ademais de ser un tema de grande interese científico, reúne en gran valor patrimonial”.

No mes de agosto o equipo ten previsto traballar na provincia de Ourense onde realizará prospeccións, lectura estratigráfica e toma de mostras de morteiro e material latericio para a súa datación en igrexas como as de San Martiño de Pazó (Allariz), Santa Eufemia de Ambía (Baños de Molgas) e Amiadoso (Allariz). O equipo de investigadores subliña que as edificacións analizadas constitúen “un enorme patrimonio histórico dentro da paisaxe rural tradicional” ao tempo que alertan da súa desaparición gradual polo que reivindica a necesidade de “ incrementar o coñecemento sobre elas, cunha aproximación interdisciplinar, para comprender a noso pasado, presente e futuro”.