Saltar ao contido principal
Xornal

A rede de investigación English Linguistics Circle obtén a cualificación de excelencia do Ministerio de Economía e Competitividade

A rede renova, por cuarta vez, o seu financiamento a través do programa de consolidación e estruturación da Xunta de Galicia

Actualizada: 27-10-2014 11:51 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Foto de grupo dos directores e directoras da rede ELC
Nos oito anos transcorridos desde a súa fundación, a rede de investigación English Linguistics Circle (ELC) consolidouse como unha agrupación estratéxica que no ámbito da lingüística e dos estudios filolóxicos sobre a lingua inglesa “non ten ningún paralelo no sistema universitario español se temos en conta a súa estabilidade, riqueza e diversidade de enfoques ou os resultados de investigación”, explica o profesor da USC e membro da rede Ignacio Palacios.
 
A afirmación do profesor Palacios susténtase, entre outros méritos, no éxito alcanzado pola rede na convocatoria estatal de Redes Temáticas de Excelencia do Programa de Fomento da Investigación Científica e Técnica do Ministerio de Economía e Competitividade. Os seis equipos que conforman a rede concorreron a esta convocatoria, de nova creación e altamente competitiva, cunha proposta dirixida polo profesor compostelán e foi unha das dúas únicas seleccionadas para financiamento en España no ámbito da Filoloxía.
 
Ademais, a rede ELC acaba de renovar por cuarta vez consecutiva o financiamento da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia a través do seu programa de consolidación e estruturación.
 
Grande atractivo para o alumnado
A rede de investigación English Linguistics Circle (ELC) constituíuse en decembro de 2006 baixo a coordinación da catedrática de Filoloxía Inglesa da USC Teresa Fanego. Actualmente componse de seis grupos, tres da Universidade de Santiago –‘Variación, cambio lingüístico e gramaticalización’, que dirixe a profesora Fanego; ‘Investigación sobre inglés falado’, dirixido por Ignacio Palacios; e ‘Procesos cognitivos e conduta (USC), dirixido por Isabel Fraga-, dous da de Vigo –Variación lingüística e categorización textual’, dirixido por Javier Pérez Guerra, e ‘ Deseño de modelos e materiais didácticos para o ensino/aprendizaxe de linguas estranxeiras’, dirixido por Rosa Alonso- e un das Illas Baleares –‘Variación morfosintáctica en variedades emerxentes da lingua inglesa, dirixido por Cristina Suárez-.
 
En conxunto, a rede conta con máis de 80 membros, 13 dos cales son bolseiros predoutorais (FPU, FPI e Plan Galego I2C) e dous investigadores posdoutorais dos programas I2C e Ramón y Cajal, o que dá conta do atractivo das actividades que desenvolven para o alumnado de grao e posgrao. Todos eles comparten un dominio de traballo cuxo denominador común é a cognición humana e a súa interrelación con ámbitos tan diversos como a adquisición de primeiras e segundas linguas, o bilingüismo, a variación morfosintáctica e o cambio lingüístico, a prevención de trastornos da fala, a psicolingüística, a análise do discurso e a lingüística contrastiva e de corpus.
 
Proxecto a curto prazo
Para os próximos dous anos, ademais de seguir coas súas actividades habituais de investigación, innovación e transferencia, e co seu importante labor de formación de doutores (28 teses doutorais defendidas desde 2006), a rede proponse incrementar as accións de difusión da súa actividade investigadora e formativa entre o alumnado de grao e posgrao. Para iso, continuará cos seminarios de investigación que organiza periodicamente e celebrará o vindeiro febreiro na Universidade de Vigo a cuarta edición do Congreso Internacional de Posgrao sobre Lingua e Cognición cuxo comité organizador está composto polos bolseiros e contratados predoutorais da USC e da UVigo Sofía Bemposta-Rivas, Tamara Bouso, Carla Bouzada-Jabois, Yolanda Calvo-Benzies, Yolanda Fernández-Pena e Iván Tamaredo-Meira.

 Tamén está prevista a organización dun simposio internacional sobre complexidade sintáctica e procesamento cognitivo e dun seminario sobre procesamento da linguaxe en nenos e adultos bilingües de Galicia e norte de Portugal, con especial atención á aprendizaxe do inglés como L2. Este último levarase a cabo de forma conxunta co Departamento de Estudios Xermanísticos e o grupo de Psicolingüística do Centro de Investigación en Psicoloxía da Universidade do Minho (Braga).