Saltar ao contido principal
Xornal

A USC celebra en Lugo o Día da Ciencia en Galego con sesións de robótica e astronomía e un editatón para mellorar a Galipedia

Bueno, López e Cantalapiedra presentan este xoves o programa de actividades que se desenvolverán o martes na Casa do Saber e o 8 de novembro na Biblioteca Intercentros

Actualizada: 30-10-2014 15:17
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Marta López, Javier Bueno e Julia Cantalapiedra, na presentación dos actos do V Día da Ciencia en Galego

A USC conmemora o V Día da Ciencia en Galega no campus de Lugo coa celebración de relatorios e obradoiros de robótica e de astronomía, así como coa organización dun editatón, aberto a cidadanía e orientado e mellorar e enriquecer algunhas das entradas xa incluídas na Galipedida.

 
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; a directora da comisión de normalización lingüística da Facultade de Veterinaria, Marta López Alonso, e a directora da Biblioteca Intercentros do campus de Lugo, Julia Cantalapiedra, presentaron este xoves a programación de actividades promovidas no campus de Lugo pola plataforma Proxéctate en Galego co gallo da celebración do V Día da Ciencia en Galego e a través das que buscan achegar e dar a coñecer á sociedade luguesa o traballo e que se desenvolve no campus de Lugo.
 
O campus de Lugo capitalizará nesta edición os actos organizados pola USC co gallo do Día da Ciencia en Galega, unha efeméride que na súa quinta edición rende homenaxe á figura internacional de Isaac Newton, así como a Xosé Rodríguez, científico galego coñecido como matemático do Berbés, e aos sensores, no eido dos equipamentos científicos e tecnolóxicos.
 
O abano de actividades planificado pola plataforma Proxéctate en Galego, na que están representadas todas as comisións de normalización lingüística do campus de Lugo, para a celebración desta efeméride desenvolveranse os días 4 e 8 de novembro. O programa de actos do vindeiro martes desenvolverase en quenda de tarde, a partir das 17.00 horas, e comezará cunha visita guiada a exposición ‘Sensores’, organizada por Igaciencia e que mostra ao público na sala de exposicións da Deputación Provincial de Lugo, un elenco de obras e pezas artísticas que evolucionan co tempo e que interactúan co espectador grazas a unha serie de sensores que recollen as súas reaccións e movementos.
 
Unha vez completada a visita á mostra, o V Día da Ciencia en Galego trasladará a súa actividade á Casa do Saber de Lugo, onde, a partir das 18.30 horas, dous profesores do campus de Lugo ofrecerán cadanseu relatorio sobre robótica e astronomía, ademais de guiar as súas respectivas sesións prácticas.
 
O profesor do Departamento de Electrónica e Computación da USC na Facultade de Ciencias Roberto Iglesias ofrecerá unha sesión baixo o título ‘O nacemento dunha nova xeración de robots’, trala que convidará a todo o público asistente a participar nun obradoiro de robótica. Ao remate desta sesión inicial, o profesor de Astronomía e Astrofísica da USC Manuel Andrade ofrecerá o relatorio ‘Da maçâ de Newton à sonda espacial Rosetta’ para logo guiar unha observación astronómica desde o adarve da muralla de Lugo.
 
Editatón do Día da Ciencia en Galego
A Biblioteca Intercentros do campus de Lugo acubillará o vindeiro 8 de novembro a celebración do primeiro Editatón do Día da Ciencia en Galego, un certame organizado en colaboración con Wikimedia España  e Nerd Nites Santiago de Compostela, que é pioneiro en Galicia e moi novo en España, onde só se celebraron outros dous na Biblioteca Nacional e na Biblioteca Universitaria de Sevilla.
 
O editatón é unha reunión, na que se pode participar de xeito presencial ou a través da conexión virtual, na que as persoas participantes terán o oportunidade de poder mellorar os contidos da Wikipedia sobre a relación de temas propostos polos organizadores e que nesta ocasión se refiren aos persoeiros e ás temáticas lembradas polo Día da Ciencia en Galego desde o ano 2010.
 
As distintas sesións de traballo programadas no marco deste editatón desenvolveranse desde as 10.30 ata as 18.30 horas na Biblioteca Intercentros do campus de Lugo. A participación neste certame é libre e de balde, aínda que se recomenda a inscrición previa. As persoas interesadas poden atopar máis información na páxina web de Proxéctate en Galego ou nesta ligazón.