Saltar ao contido principal
Xornal

O solpor do galego na Idade Media

O simposio anual do ILG analiza nesta ocasión a situación da lingua no Medievo

Actualizada: 06-11-2014 12:01
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
Reflexionar sobre o ocaso do cultivo escrito do galego ao final do Medievo. Con este propósito o Instituto da Lingua Galega (ILG) organiza este mes o simposio que dende 2001 desenvolve cada ano ininterrompidamente sobre cuestións de interese non só para a comunidade investigadora senón tamén para a comunidade educativa e, mesmo, para a sociedade galega en xeral.
 
O encontro A lingua galega no solpor da Idade Media , organizado en colaboración co Consello da Cultura Galega, dará comezo o día 13 e continuará nas xornadas 14, 20, 21 e 22 de novembro. Nas dúas primeiras sesións trazaranse os perfís do contexto histórico e sociolingüístico en que ese ocaso da lingua se produciu, prestando atención ás dinámicas sociais e políticas da Galicia da época e tamén ás diversas situacións en que daquela se encontraban o castelán, o portugués, o asturiano e o catalán. As outras tres dedicaranse especificamente á lingua galega tardomedieval, ben para analizar os seus declinantes usos escritos, ben para presentar algúns dos cambios internos en que estaba inmersa.
 
A Facultade de Filoloxía e o Consello da Cultura Galega serán as sedes do simposio no que participarán docentes e investigadores das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Estremadura, Oviedo, Valencia e Nacional de Educación a Distancia.

 Os simposios que cada outono organiza o ILG son reunións científicas nas que se trata de reflexionar sobre o coñecemento transmitido e de xerar coñecemento novo, pero tamén de contribuír á formación tanto do estudantado universitario coma de persoas xa tituladas. Os seus destinatarios preferentes son, por tanto, estudantes e docentes universitarios das áreas de coñecemento de lingüística, historia, xeografía, antropoloxía e etnografía, profesorado de ensino primario e secundario e de escolas oficiais de idiomas e de formación profesional, pero tamén calquera persoa que desexe actualizar ou ampliar os seus coñecementos sobre o tema que en cada caso se aborde.