Saltar ao contido principal
Xornal

O simposio anual do ILG analiza a situación da lingua galega no Medievo

Actualizada: 12-11-2014 12:25
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
Reflexionar sobre o ocaso do cultivo escrito do galego ao final do Medievo. Con este propósito o Instituto da Lingua Galega (ILG) organiza este mes o simposio que dende 2001 desenvolve cada ano ininterrompidamente sobre cuestións de interese non só para a comunidade investigadora senón tamén para a comunidade educativa e, mesmo, para a sociedade galega en xeral.
 
O encontro A lingua galega no solpor da Idade Media , organizado en colaboración co Consello da Cultura Galega, dará comezo este xoves 13 e continuará nas xornadas 14, 20, 21 e 22 de novembro. A inauguración terá lugar ás 17.30 horas no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía e a ela seguiralle unha charla do profesor Anselmo López sobre a Galicia de finais da Idade Media. Pola súa banda, o profesor da Universidade da Coruña Ignacio Pérez explicará cal era a situación do castelán nesa época e, para rematar, Juan Carrasco González, da Universidade de Estremadura, fará o propio co portugués.
 
A xornada do venres continuará analizando os perfís do contexto histórico e sociolingüístico en que ese ocaso da lingua se produciu, prestando atención ás diversas situacións en que daquela se encontraban neste caso o asturiano e o catalán. As tres sesións restantes dedicaranse especificamente á lingua galega tardomedieval, ben para analizar os seus declinantes usos escritos, ben para presentar algúns dos cambios internos en que estaba inmersa.
 
No simposio, a desenvolver na Facultade de Filoloxía e o Consello da Cultura Galega, participarán destacados docentes e investigadores das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Estremadura, Oviedo, Valencia e Nacional de Educación a Distancia.
 
Simposios anuais
Os simposios que cada outono organiza o ILG son reunións científicas nas que se trata de reflexionar sobre o coñecemento transmitido e de xerar coñecemento novo, pero tamén de contribuír á formación tanto do estudantado universitario coma de persoas xa tituladas. Os seus destinatarios preferentes son, por tanto, estudantes e docentes universitarios das áreas de coñecemento de lingüística, historia, xeografía, antropoloxía e etnografía, profesorado de ensino primario e secundario e de escolas oficiais de idiomas e de formación profesional, pero tamén calquera persoa que desexe actualizar ou ampliar os seus coñecementos sobre o tema que en cada caso se aborde.