Saltar ao contido principal
Xornal  »  O proxecto GESFIRE traballará no deseño de novas ferramentas para a xestión posterior a un incendio en ecosistemas forestais

O proxecto GESFIRE traballará no deseño de novas ferramentas para a xestión posterior a un incendio en ecosistemas forestais

Conforman o equipo do proxecto, investigadores da USC xunto a especialistas da universidade de León

Actualizada: 12-11-2014 13:03
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
Desatado un incendio, o fin do lume é, en realidade, o comezo dunha nova situación para os lugares onde as chamas teñen devastado o contorno. Os grupos de Ecoloxía do Lume, de Ecoloxía Aplicada e de Sistemas de Información Xeográfica das universidades de Santiago de Compostela e de León asómanse agora a este escenario coa intención de poñer a tecnoloxía e a investigación á busca de novas formas de intervir fronte aos efectos dos incendios forestais e, sobre todo, facilitar ferramentas para optimizar a xestión posterior ao incendio. Búscase definir de forma áxil e eficaz estratexias de xestión a escala de paisaxe co fin de minimizar os efectos negativos a nivel do ecosistema. Os investigadores avaliarán ademais a utilidade conxuntas das imaxes de alta resolución espacial e espectral xunto con produtos fotogramétricos como MDT e MDE, utilizando técnicas de análise dixital que xa se probaron en imaxes de satélite de media e alta resolución.
 
Investigadoras da USC, xunto a outros de León e expertos do Centro de Estudos Ambientais do Mediterráneo (CEAM), conforman o proxecto GESFIRE, que financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, traballarán no deseño de ferramentas multiescala para a xestión post-incendio de ecosistemas forestais propensos ao lume no contexto do cambio global. Para un período de catro anos, ata decembro de 2017, conforman o equipo as profesoras Mercedes Casal, Otilia Reyes e Margarita Basanta, da Facultade de Bioloxía, e Elvira Díaz-Vizcaíno e Teresa Cornide da Escola Politécnica Superior de Lugo.
 
GESFIRE integrará a experiencia multidisciplinar de diversos grupos especializados para xerar unha base científica sólida que respalde o deseño de novas estratexias de xestión en espazos afectados por incendios. Así, o proxecto avaliará a capacidade de rexeneración dos ecosistemas forestais propensos ao lumes, particularmente dos pinares de Pinus pinaster, unha das especies máis afectadas por grandes incendios forestais en España nos anos 2012 e 2013. Ademais, prestarase atención a diferentes réximes de recurrencia e severidade dos incendios e á súa interacción con factores de cambio global, tales como a presenza de especies invadoras e aumento das deposicións de nitróxeno atmosférico, particularmente na gradiente climática Atlántico-Mediterraneo, no eixo que une Coruña, León e Valencia.
 
Imaxes de satélite
Utilizando imaxes de satélite con distinta resolución espacial, combinadas coa toma de datos en campo, GESFIRE buscará novas ferramentas multiescalares eficaces para avaliar e predicir a rexeneración posterior a un incendio. Estas ferramentas servirán de base para a difusión e transferencia dos resultados do proxecto aos xestores encargados de deseñar plans de xestión que favorezan a recuperación dos bens e servizos ligados aos ecosistemas afectados e que, en moitas ocasións, sosteñen o desenvolvemento socioeconómico das áreas rurais.

O equipo intégrano expertos e expertas en ecoloxía vexetal e da paisaxe, ademais de especialistas en efectos dos incendios sobre o chan e enxeñeiros especialistas na aplicación de teledetección e Sistemas de Información Xeográfica na xestión forestal. Os resultados presentaranse na rede temática europea Phoenix –Fire ecology and post-fire management- e cuxo principal obxectivo é o desenvolvemento de criterios científicos para a xestión preventiva en sistemas forestais tras un incendio. A rede comprende 21 países da conca mediterránea, incluído sos grupos de investigación que participan no proxecto.