Saltar ao contido principal
Xornal

A CRUE premia o traballo de Javier Franco á fronte da área TIC da USC

Actualizada: 21-11-2014 13:25
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
O que fora director da Área TIC da Universidade de Santiago de Compostela entre os anos 2002 e 2010 acaba de ver recoñecido o labor que desenvolveu na institución pola Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) coa concesión da primeira edición do premio CRUE-TIC á dedicación e o traballo en materia de Tecnoloxías da Información.
 
A Comisión Sectorial de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da CRUE instaurou estes premios coa fin de salientar a dedicación de entidades colaboradoras –nesta primeira edición o premio foi para RedIris– así como a traxectoria profesional dos membros asociados á súa rede; neste caso Javier Franco, que foi o primeiro secretario executivo da Comisión Sectorial CRUE-TIC.
 
No período en que estivo ao mando do departamento de tecnoloxías da información e as comunicacións na USC consolidouse a transformación nun proxecto integral desa área –integrando por primeira vez a responsabilidade de todos os servizos relacionados–­ e leváronse adiante dous plans estratéxicos de TIC para a institución (2004-2007 e 2007-2010). Ademais, consolidouse a presenza da USC na coordinación de proxectos no eido estatal a través de CRUE-TIC e no europeo a través de EUNIS, participando activamente noutras institucións de referencia universitarias como RedIRIS, precisamente a premiada este ano na categoría institucional.
 
Javier Franco

Franco é enxeñeiro superior de Telecomunicacións pola Universidade Politécnica de Madrid. Foi enxeñeiro do Ano en Galicia no ano 2000 e director xeral de Organización e Sistemas Informáticos da Xunta de Galicia, así como vicepresidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG). Actualmente é xerente de Proxectos de Medio Rural e de Montes, sendo responsable nesta área dos sistemas e proxectos de información da Xunta de Galicia.