Saltar ao contido principal
Xornal

O proxecto Life-OPERE presentou as súas propostas de optimización enerxética nas Xornadas Técnicas Smart Cities & Communities

Actualizada: 27-11-2014 14:23
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Esteban Vieites Montes e Virginia Vidal Touza no stand da USC nas III Xornadas Técnicas Smart Cities & Communities
O proxecto Life-OPERE que desenvolve o Laboratorio de Sistemas do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC participou nas III Xornadas Técnicas Smart Cities & Communities celebradas en Vigo. A presenza do proxecto permitiu compartir coñecemento e experiencias prácticas para contribuír á mellora dos servizos á cidadanía, do contorno social, económico e ambiental.
 
O evento combinaba unha zona de exposición de acceso libre na que se podían coñecer distintas propostas de empresas de primeiro nivel no ámbito das Smart Cities&Communities con sesións temáticas nas que expertos independentes e empresas presentaban os seus relatorios sobre o concepto, as estratexias, as tendencias e o futuro das cidades e as comunidades intelixentes.
 
A USC contou cun stand na zona de exposición na que se presentou o traballo realizado dentro de OPERE e no que colaborou a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC con material divulgativo sobre a súa actividade. Nese mesmo contexto, os investigadores do Laboratorio de Sistemas da USC Esteban Vieites Montes e Virginia Vidal Touza participaron nunha presentación sobre eficiencia enerxética na USC.
 
OPERE

O proxecto OPERE desenvólvese no Laboratorio de Sistemas do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC e traballa en diversas liñas de investigación relacionadas coa enerxía, a eficiencia enerxética e o medio ambiente. A iniciativa xorde coa intención de implantar sistemas de xestión eficiente en redes enerxéticas, tanto térmicas como eléctricas, en complexos existentes con grandes consumos de enerxía para diminuír o seu impacto ambiental. Neste senso, mediante a implantación dun proxecto de xestión enerxética nalgunhas das grandes instalacións que a USC posúe en Campus Vida preténdese demostrar a viabilidade da iniciativa.