Saltar ao contido principal
Xornal

Un investigador da Universidade de Zúric explicou no ILG o concepto de ‘partitividade’ aplicado á lingua galega

Actualizada: 28-11-2014 09:46
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
O investigador da Universidade de Zúric David Paul Gerards impartiu este xoves no Instituto da Lingua Galega da USC unha conferencia sobre o concepto de ‘partitividade’, a base dun novo proxecto de investigación que está comezando na universidade suíza.
 
Partindo de que na literatura se observa un uso moi heteroxéneo dos termos partitividade e partitivo, Gerards comezou definíndoos a partir da diferenciación entre forma e función, “ fundamental para calquera tipo de investigación gramatical”, pero engadindo adeamis un terceiro termo, “o do marcador de partitividade” entendida como fenómeno semántico.
 
Falou de dous tipos de partitividade, isto é, a ‘verdadeira’ partitividade e a pseudopartitividade, que aparecen diferenciadas en linguas como o alemán mentres que outras, como a grande maioría das linguas románicas, as codifican da mesma maneira. Entre estas últimas sitúase o galego, que emprega a preposición de, tanto en contextos de partitividade ‘verdadeira’ coma nos de pseudopartitividade (‘Bebín unha botella deste/de viño’). Porén, explicou, en determinados contextos tamén admite unha construción alternativa e ata agora moi pouco estudada como é engadir a preposición en ao artigo determinado (Estiven todo o día matando nos porcos).
 
A súa investigación está realizada a partir dunha serie de enquisas directas e indirectas realizadas en diferentes zonas de Galicia en torno á gramaticalización do fenómeno dado que o contexto local en que orixina constitúe unha fonte tipoloxicamente moi marcada. De feito, advertiu, “a única lingua da que sabemos que dispón de estruturas análogas á do galego é o tongano, lingua polinesia falada por menos de 100.000 falantes na illa de Tonga”.