Saltar ao contido principal
Xornal  »  Premian a tecnoloxía ELAN transferida da USC a FCC Aqualia

Premian a tecnoloxía ELAN transferida da USC a FCC Aqualia

Actualizada: 28-11-2014 13:22
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Ao acto de entrega asistiu unha representación de todas as persoas que participaron directamente no desenvolvemento da tecnoloxía ELAN (Foto: SERVIMAV-USC)
A tecnoloxía ELAN (ELiminación Autótrofa de Nitróxeno), desenvolvida entre o Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos, do Departamento de Enxeñaría Química da USC e a empresa FCC Aqualia, gañou o Premio ‘Innovación + Sostibilidade + Rede’ organizado polo periódico Expansión na categoría de ‘Gran Empresa Sostible’.
 
A tecnoloxía ELAN permite optimizar a eliminación de nitróxeno nas Estacións Depuradoras de Augas Residuais reducindo drasticamente o consumo de enerxía e a produción de lamas, facéndoas polo tanto mais sostibles. A USC comezou a investigar nesta liña no ano 2000 e no ano 2010 a empresa FCC Aqualia apostou polo seu desenvolvemento a escala industrial. Actualmente están en fase de construción dúas plantas industriais baseadas nesta tecnoloxía.
 
A entrega do premio tivo lugar o 27 de novembro na sede do IE Business School en Madrid presidido polo ministro de Industria, Enerxía e Turismo, e foi o presidente de FCC Aqualia, Eduardo González, que o recolleu. No acto resaltouse como un dos aspectos relevantes da tecnoloxía ELAN o feito de ser un desenvolvemento realizado entre a universidade e a empresa.
 
Ao acto asistiron, en representación de todas as persoas que participaron directamente no desenvolvemento da tecnoloxía ELAN,  o catedrático Ramón Méndez e a profesora Anuska Mosquera, ambos do Departamento de Enxeñaría Química; e por parte de FCC Aqualia o seu director de Innovación e Tecnoloxía, Frank Rogalla; o xefe de Calidade, José Ramón Vázquez, e o responsable de Depuración de Galicia, Roberto Fernández.