Saltar ao contido principal
Xornal  »  Un equipo de Estalmat-Galicia gaña unha ‘carreira matemática’ no que participaban grupos de adolescentes de todo o Estado

Un equipo de Estalmat-Galicia gaña unha ‘carreira matemática’ no que participaban grupos de adolescentes de todo o Estado

Actualizada: 15-12-2014 14:29
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
Antón Mazaira (Burela), Adrián Núñez (Vilanova de Arousa), María Ramallo (Boiro), Hugo Silvanes (Pontevedra) e Pablo Stutt (Ordes) foron este sábado pasado os máis rápidos de toda España resolvendo problemas matemáticos no certame ‘Matemáticas ao esprint’ que organiza o Programa de Estimulo do Talento Matemático (ESTALMAT).
 
Dos 53 equipos que participaron no certame, o composto aleatoriamente por eses cinco estudantes galegos de 12 e 13 anos –o grupo dos máis novos que empezaron hai poucos meses neste programa de estímulo do talento matemático que preside en Galicia o reitor Juan Viaño– resolveu todos os problemas encadeados no menor tempo.
 
Na actividade, que se desenvolveu en paralelo en toda España, o equipo gañador competiu con outros grupos de primeiro ano de ESTALMAT de Andalucía, Madrid, Cantabria, Comunidade Valenciana, Cataluña, Castela A Mancha e Canarias. Do segundo curso de ESTALMAT interviron 45 equipos en total e tamén a actuación galega foi notable, quedando os grupos na metade superior da táboa.

 Os profesores responsables de ‘Matemáticas ao Esprint’ en ESTALMAT-Galicia son Jesús Calvo, do IES Xoán Montes de Lugo; Victor Pollán, do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz); Enrique de la Torre, da Universidade da Coruña; e Elena Vázquez Cendón, da USC e coordinadora xeral de ESTALMAT-Galicia.