Saltar ao contido principal
Xornal

Isidro Parga Pondal, un referente para Galicia

A USC inicia os actos en homenaxe ao científico galego coa presentación dunha biografía de Ricardo Gurriarán

Actualizada: 13-01-2015 13:25
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Xosé González, Juan Viaño e Ricardo Gurriarán (Foto: Santi Alvite)
“Probablemente o científico galego máis importante do século”. Así cualifica o historiador Ricardo Gurriarán a Isidro Parga Pondal no seu volume Galicia ten un referente: Isidro Parga Pondal, que edita a Deputación da Coruña e que se presentou este martes en San Xerome nun acto no que interviñeron ademais o reitor Juan Viaño e o presidente do Foro Peinador, Xosé González Martínez, promotor da iniciativa.
 
O Foro dedicoulle a Parga Pondal o seu Día da Galeguidade Empresarial, instituído para
“recuperar a memoria de todos aqueles que concibiron o progreso económico de Galicia inculturizada na súa historia e tradicións”, por seren unha “personalidade sobranceira nos eidos da investigación científica e na planificación económica”. “Foino como profesor –sinala González– e autor de moitos estudos de investigación, como o transcendental mapa xeolóxico de Galicia”.
 
Como explica Gurriarán no volume, logo de cursar Ciencias en Madrid e de varias estadías científicas no estranxeiro Parga Pondal volveu a Galicia para estudar os seus recursos minerais coa fin de explotalos industrial e comercialmente e así contribuír ao desenvolvemento económico do país. Formado no Seminario de Estudos Galegos, no que traballou en proxectos relacionados co solo e subsolo de Galicia, é o responsable de que hoxe exista o Mapa Xeolóxico de Galicia.
 
Profesor da Universidade de Santiago, levou a cabo a recuperación dos vellos laboratorios herdados de Antonio Casares e puxo a andar o de Xeoquímica, disciplina na que é considerado como un dos principais especialistas españois. No 36 foi expulsado da Universidade “por esquerdista e galeguista”, institución que en 1982 o nomeou doutor honoris causa. Para o reitor, Parga Pondal representa “moi ben” a etapa de florecemento da USC, “coincidente coa reitoría de Rodríguez Cadarso” a principios do século XX e “el mesmo é o resultado” do apoio das institucións gobernamentais á innovación.
 
Da súa traxectoria empresarial poderían salientarse numerosas iniciativas, como a súa participación nunha sociedade dedicada á extracción de calizas para a fabricación de aditivos agrícolas e insecticidas para a empresa agro-farmacéutica Zeltia ou o achado da caliza do Val do Mao (Sarria) que deu en Cementos do Noroeste, S.L., a primeira cementeira galega para producir cemento artificial tipo Port-Land por ‘vía seca’.

Homenaxe

A presentación deste volume, co que se pretende mostrar a traxectoria vital dunha personaxe pouco coñecida –“porque a historia oficial deixouno de lado” en palabras de Gurriarán–, foi o primeiro dos actos cos que a USC homenaxeará o que fora o seu profesor. Será o xoves 15 cando se descubra un busto na Facultade de Química, onde logo terá lugar un acto académico.