Saltar ao contido principal
Xornal

O grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos colaborará coas empresas cocedoiras de mexillón na implantación de mellores sistemas de depuración de augas

A USC asinou un protocolo de colaboración que vincula a Asociación Galega de Cocedoiros de Mexillón e á consellaría de Medio Rural e do Mar e Augas de Galicia

Actualizada: 20-01-2015 14:12
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita Juan Viaño, Ethel Vázquez, Rosa Quintana e Juan Manuel Suárez. Foto: Xunta de Galicia
O Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos do Departamento de Enxeñaría Química da USC colaborará con empresas cocedoiras de mexillón para a redución da carga contaminante das augas residuais desta industria mediante a implantación dos mellores sistemas de depuración de augas e de acordo coas mellores tecnoloxías dispoñibles en cada caso particular. Este é o obxecto do protocolo de colaboración asinado este martes 20 na Consellaría de Medio Rural e do Mar, entre esta consellaría, a USC, a entidade pública empresarial Augas de Galicia, a Asociación Galega de Cocedoiros de Mexillón (AGACOME) e as empresas Ameixa de Carril, Cocedero Barrañamar, Cocedero Suárez, Leiro e Hijos, Mejillones Nidal, Mejillones Ría de Arosa, Paquito, Pescadona, Pescados Marcelino e Serafín Santorum.
 
No acto de sinatura interviñeron o reitor Juan Viaño, as conselleiras Rosa Quinta Carballo e Ethel María Vázquez Mourelle, esta última en representación de Augas de Galicia, e o presidente de AGACOME, Juan Manuel Suárez Suárez, así como os representantes das primeiras empresas incorporadas ao protocolo de colaboración, o director de Augas de Galicia, Gonzalo de Mosqueira, e o secretario xeral do Mar, Juan Maneiro.
 
O Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC posúe unha ampla experiencia en xestión e tratamentos de efluentes residuais da industria de procesado de pescados e mariscos. Agora, o equipo compostelán valorará se os proxectos de xestión e tratamento presentados polas empresas se corresponden coa mellor tecnoloxía posible dende o punto de vista do proceso emitindo o correspondente informe de verificación parcial e final.

Cunha duración de doce meses, o protocolo asinado poderá estenderse a todas as industrias cuxa actividade principal sexan os procesos de cocción de mexillón e como consecuencia produzan un vertido de augas residuais industriais ao dominio público marítimo terrestre ou ás redes públicas de saneamento. Inicialmente adhírense todas as empresas asociadas a AGACOME.

Outras imaxes


A participación da USC reflectirase no proceso de avaliación que realizará o grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos. Foto: Xunta de Galicia