Saltar ao contido principal
Xornal

Os catedráticos Senén Barro e Luis Caramés incorporaranse como académicos numerarios da Real Academia Galega de Ciencias

Actualizada: 27-01-2015 14:52
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
Os catedráticos Senén Barro Ameneiro e Luis Caramés Viéitez incorporaranse como académicos numerarios da Real Academia Galega de Ciencias, logo do anuncio realizado polo presidente desta institución no acto de apertura do novo curso da Academia.
 
O ex reitor da USC entre 2002 e 2010 e catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial, Senén Barro, sumarase á sección de Matemáticas, Física e Física do Cosmos. É presidente da Rede Universitaria Iberoamericana de Incubación de Empresas (RedEmprendia) dende maio de 2008 e académico correspondente na Reial Acadèmia de Doctors. Foi editor ou autor de sete libros e ten asinado máis de 200 artigos científicos.

Catedrático de Economía Aplicada, Luís Caramés incorporarase á sección de Ciencias Sociais e Económicas. É especialista en Facenda Local, membro da Association of Local Public Economics e co-editor da revista internacional Urban Public Economics Review, ademais de ter participado na dirección do Plan Estratéxico de Santiago e ocupado a presidencia da Organización de Economistas da Educación (OEE). Colaborador habitual de varios medios de comunicación especializados en economía, foi decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e director do seu Departamento de Economía Aplicada.