Saltar ao contido principal
Xornal

Antonio Segura reivindica a universidade pública como piar da sociedade do coñecemento

Na súa toma de posesión como decano de Bioloxía avogou por reducir progresivamente o límite de prazas no grao

Actualizada: 30-01-2015 14:41
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor Juan Viaño felicita ao decano de Bioloxía (Foto: SERVIMAV-USC)
“Cremos na universidade pública como un dos piares que sustentan a economía e a sociedade baseadas no coñecemento. Por iso rexeitamos a imaxe que se quere transmitir dela coma un lastre económico, coma un gasto e non coma unha inversión”. Con estas palabras concluíu a súa intervención o profesor Antonio Segura Iglesias no acto de toma de posesión como decano da Facultade de Bioloxía que presidiu o reitor Juan Viaño no Colexio de San Xerome. Completan o novo equipo Ysabel Santos Rodríguez e Jesús Aboal Viñas como vicedecanos e Eva Candal Suárez como secretaria.
 
Segura manifestou no seu discurso o desexo de reducir progresivamente o límite de prazas do grao en Bioloxía, o que permitiría “acadar maior capacidade docente e poderíamos diversificar a oferta de grao, crear titulacións dobres e consolidar a de másters a medio e longo prazo”.
 
Con respecto ao estudantado, “principal protagonista das institucións académicas”, pretende impulsar a súa participación activa nos órganos de goberno da Facultade “promovendo así o seu crecemento cívico, intelectual e crítico”. Ademais de revisar a oferta de prácticas externas de grao, Antonio Segura diminuirá a presencialidade en todas as materias do grao “dándolle maior relevancia a un ensino baseado no traballo persoal do estudante e ao autoaprendizaxe”.
 
O novo decano formulou tamén como obxectivo apoiar os departamentos, áreas de coñecemento e persoal docente e investigador na “demanda dunha dotación suficiente para atender o seu encargo docente, na promoción do profesorado e na estabilización do persoal investigador novo en formación”.
 
No capítulo relativo ao Persoal de Administración e Servizos –que cualificou como “peza clave” na organización, desenvolvemento e apoio das actividades docente, investigadora e de xestión- o novo decano demanda programas de accións formativos específicos segundo as necesidades e un cadro de persoal proporcionado ás dimensión do centro.
 
Aludiu Antonio Segura ademais ás estacións biolóxicas do Courel, de Bioloxía Mariña da Graña e a de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ que considera “imprescindibles” como centros de apoio á docencia e á investigación. “Queremos estreitar esta relación de cara a mellorar a formación dos estudantes nos ámbitos da Zooloxía, Botánica, Ecoloxía, Hidrobioloxía e Bioloxía Mariña, entre outras”, dixo.
 
Antonio Segura

Antonio L. Segura Iglesias (Pontevedra, 1954) é profesor do Departamento de Fisioloxía Vexetal e integrante do grupo de investigación VitisResearch desta Universidade no que foi coordinador de varios proxectos financiados polo Ministerio e a Xunta de Galicia e tamén coa empresa. Como especialista en patoloxía vexetal é coautor de diversas publicacións relacionadas coa epidemioloxía, diagnóstico e transmisión de enfermidades de etioloxía vírica en viñedos. Colaborou nas labores de goberno coma secretario e vicedecano da facultade de Bioloxía no período 1995-2002.


Outras imaxes


Antonio Segura posa co reitor e o equipo decanal (Foto: SERVIMAV-USC)