Saltar ao contido principal
Xornal

O Festival Internacional de Teatro Universitario porá en escena a vindeira semana súa vixésimo primeira edición

Actualizada: 06-02-2015 11:46
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Aula de Teatro da USC conmemora este ano o 25 aniversario da súa fundación
O Festival Internacional de Teatro Universitario celebrará a vindeira semana a súa vixésimo primeira edición reunindo cinco compañías de España, Bélxica e Portugal que porán en escena outras tantas representacións no Teatro Principal ás 21.00 horas. Como é tradición, a entrada será gratuíta previo paso polo despacho de entradas que abrirá dende as 18.00 horas.
 
A programación de representacións botará a andar o luns 9 da man da Compañía de Teatro da Aula de Teatro da USC que este ano conmemora o 25 aniversario da súa creación. Logo dun destacado éxito de público no seu estreo o pasado mes de decembro, a compañía compostelá trae a este festival a representación de ‘A historia de Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da rúa Fleet’, unha adaptación do musical de Stephen Sondheim e que parte do libreto de Hugh Wheeler. Cunha duración de 90 minutos, haberá unha segunda posibilidade de asitir á representación o martes 10.
 
A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia tomará o relevo o mércores 11 para representar ‘ De catro a catro. Follas sin data d’un diario d’abordo’, de Manuel Antonio. En galego, esta peza terá unha duración de 80 minutos. Xa o xoves 12, será a quenda do Théâtre Universitaire Royal de Liège (Bélxica) coa posta en escena que farán de ‘Communication á une académie’, a partir da nove de Kafka e cunha duración total de 50 minutos.

O venres 13, ao escenario subirán o elenco da Escola Superior de Arte Dramática de Murcia coa peza ‘El fenómeno del mundo occidental’, de John M. Synge, e unha duración de 100 minutos. O programa concluirá o sábado 14 coa proposta de Teatrubi da Universidade de Covilhã (Portugal) que representará ‘Diagnótico: desgusto patolóxico’, a partir de Psicose de Sarah Kane.

Outras imaxes


‘A historia de Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da rúa Fleet’ presentouse ao público por vez primeira o pasado mes de decembro

A estrea colectou un destacado éxito de público nas súas primeiras postas en escena