Saltar ao contido principal
Xornal

A USC estimula o talento científico escolar coa D3Mobile 2015, un campionato vangardista que conxuga innovación e tecnoloxía

O torneo en liña, que comeza en marzo e xa inscribiu equipos de 30 países, conta como padriño cun futbolista da selección española e inclúe premios por valor de 11.000 euros

Actualizada: 18-02-2015 14:46
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Ortiz, Outeiro, Moreno, Viaño, Ferrer, Corredoira e Cuesta, na presentación da D3Mobile

O campionato mundial de modelado 3D de precisión con móbil ‘D3Mobile Metrology World League 2015’ , un certame promovido polos investigadores do grupo USCAN3D da USC e co se pretende potenciar as vocacións científicas en estudantes nados/as entre 1997 e 1999 a través dun elemento de uso cotiá como é o teléfono móbil, ten formalizada xa a inscrición de equipos procedentes de 30 países de Europa, América, Asia, seis máis que na edición anterior, segundo sinalou este mércores o reitor da USC, Juan Viaño, na presentación da D3mobile 2015, “unha opción nova, innovadora, tecnolóxica, vangardista e diferente dentro do panorama de campionatos científico educativos dirixidos a escolares que existen na actualidade”, dixo.

 
A D3MOBILE, un torneo que se desenvolve en liña e cuxo prazo de inscrición aínda está aberto na web ata ao 5 de marzo, busca que escolares de todo o mundo participen nunha competición por equipos a través da que se estimula a súa vocación e capacidade científica, sinalou o reitor da USC. Os estudantes inscritos nesta aventura aprenden, con axuda do seu profesor e vía e-learning, unha metodoloxía que, con apenas dúas tardes de estudo, permítelles facer modelos 3D virtuais a escala de calquera obxecto a partir de fotografías tomadas co seu teléfono móbil, relatou Juan Viaño na presentación da nova edición deste certame internacional no marco dun acto desenvolvido no auditorio da Casa do Saber de Lugo e retransmitido en directo a todo o mundo a través de internet.
 
O director da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, quen aproveitou a súa estadía en Lugo para asinar co reitor da USC un convenio para o desenvolvemento da D3Mobile 2015; o director do Centro Español de Metroloxía do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, Fernando Ferrer Margalef; o director xeral de Educación, formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Manuel Corredoira; o deputado delegado das áreas de Cultura, Turismo, Educación e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, e o director da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC, Tomás Cuesta, tamén participaron na presentación da nova edición da D3Mobile Metrology World League 2015.
 
Desenvolvemento e motivación da competición
Unha vez rematado o prazo de matrícula e cando bote a andar a competición segundo o calendario xa dispoñible na web, cada equipo deberá realizar pequenos experimentos nos que modelará en 3D un obxecto de dimensións coñecidas. Unha análise estatística básica dos erros nas medicións de sucesivos experimentos, permitirá determinar como conseguir mellores resultados (con que móbil, facendo cántas fotos, etc.) e ser máis competitivos, explicou o director deste proxecto, o profesor e integrante do grupo de investigación Uscan3d da USC, Juan Ortiz, quen indicou que o equipo gañador será o que acade unha maior calidade métrica e visual nas distintas probas que deberán superar.
 
A propia estrutura da competición permite ás persoas inscritas practicar a investigación e aprender a súa utilidade de forma dinámica e atractiva, coa competición como estratexia docente e o premio por investigar ben e a fondo. A percepción da importancia do método científico e da toma de decisións baseadas nos resultados dun proceso experimental son outros dos beneficios educativos que reporta este certame a partir do emprego dun dispositivo tecnolóxico de uso cotiá e apreciado pola mocidade como é o teléfono móbil, relatou Ortiz.
 
O profesor e investigador do grupo Uscan3d da USC, coordinado pola profesora Mª Luz Gil Docampo, e do que tamén forman parte os investigadores Santiago Martínez e Teresa Rego, explicou que a D3Mobile é un proxecto que xurde tras asistir ao uso cotiá e xeneralizado de modelos 3D virtuais en multitude de campos (medicina, veterinaria, urbanismo, arquitectura, industrias -moda, automoción, lecer, videoxogos, aeroespacial, agroalimentaria...-, enxeñaría, construción, deporte, patrimonio ou, entre outros, accesibilidade), e logo de comprobar como os citados modelos virtuais mediante fotografía se están a converter nunha potente ferramenta de rexistro de información.
 
Esta técnica espallarase nos próximos anos como o fixo antes a fotografía e o vídeo, aventurou Ortiz, quen ve reforzada a súa opinión co rápido desenvolvemento que está a experimentar a impresión en 3D, coa que se pode materializar practicamente calquera modelo tridimensional virtual.
 
Premios por un valor superior a 11.000 euros
A D3Mobile Metrology World League 215 conta con máis orzamento en premios que en anteriores edicións, xa que o valor dos agasallos establecidos para os equipos gañadores nas distintas seccións ou categorías do campionato supera os 11.000 euros.
 
A práctica totalidade dos galardóns consiste en produtos e artigos tecnolóxicos, entre os que cómpre salientar as novas achegas recibidas da empresa BQ. Esta firma premiará con reproducións en impresora 3D do modelo virtual aos integrantes e ao centro do equipo gañador. Haberá premios para os equipos mellor clasificados de Lugo, de Galicia, de Latinoamérica e do Mundo.
 
Asemade, do mesmo xeito que na D3Mobile 2014, na que o equipo gañador recibiu agasallos asinados de Rafa Nadal e Máverikc Viñales, na presente edición, que ten como padriño de honra un dos futbolistas máis emblemáticos da selección española de fútbol, campión de Europa e do mundo, o equipo gañador recibirá tamén como premio unha camiseta e dúas gorras asinadas por este futbolista.
 
Amplo apoio institucional
O proxecto D3Mobile, promovido polo grupo Usan3D da USC, naceu cun amplo apoio institucional, tanto público como privado, nacional e internacional, que segue a aumentar ano tras ano. Na presente edición, cómpre destacar o respaldo recibido pola Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt), a entidade máxima responsable da difusión científica en España, que por terceiro ano consecutivo volveu incluír en 2015 a D3Mobile nos 208 proxectos financiados logo de recibir máis de 900 solicitudes.
 
O Centro Español de Metroloxía (CEM), o organismo dependente do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, encargado de calibrar todos os radares que controlan la circulación de tráfico en España; Instituto Xeográfico Nacional (IGN), Fundación Vodafone España, EducaBarrié, Xunta de Galicia, Goberno de Navarra, Junta de Castilla y León, Deputación Provincial de Lugo, Sociedade Latinoamericana de Ciencia e Tecnoloxía, e diversas federacións e sociedades españolas, así como empresas, asociacións de pais de alumnos, sindicatos e centros educativos, que ven oportuno e rendible este proxecto educativo.
 

Outras imaxes


Viaño e Moreno, logo da sintura do convenio entre USC e Fundación Vodafone España