Saltar ao contido principal
Xornal

Nace a Asociación de amigos do Museo de Historia Natural

En abril está aberto o período de admisión dos socios fundadores

Actualizada: 31-03-2015 12:07
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
Durante todo o mes de abril permanecerá aberto o prazo para facerse socio da Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural da USC, asociación sen ánimo de lucro que ten como obxectivo a promoción do Museo e a colaboración en actividades científicas, culturais, educativas e recreativas.
 
Diferentes persoas pertencentes á USC, empresas privadas, ensino medio e CSIC levan un tempo traballando de forma voluntaria para elaborar os estatutos da asociación e poñela en marcha. Nunha destas xuntanzas decidiron dedicar os meses de marzo e abril á captación de socios (pode solicitarse no enderezo museohn@usc.es) que, logo de pagar unha cota anual de 20 euros, poderán asistir en xuño á asemblea xeral constituínte en calidade de socios e socias fundadores.
 
Entre outras vantaxes, todos os membros da asociación terán entrada libre ás salas expositivas do museo.
 
O Museo
O Museo de Historia Natural que dirixe a profesora de Bioloxía María Isabel Fraga abriu as súas portas na Finca Vista Alegre de Compostela en outubro do pasado ano. A partir de pezas que se remontan ao século XIX, doazóns e achegas institucionais e persoais, a nova sede do museo reivindica a súa misión educativa e social, xa que ademais de tarefas de investigación e educación formal centra o seu labor futuro na divulgación científica para todos os públicos.
 
Os principais espazos das instalacións agrúpanse arredor da Biodiversidade e Biodiversidade Terrestre, na pranta baixa, e dos apartados dedicados a  Xeodiversidade e Solo e Biodiversidade Mariña na primeira pranta. Así, dende un espazo multimedia dedicado á comprensión da biodiversidade, a exposición permanente do MHN é un singular percorrido polas fauna e flora das augas continentais e dos bosques galegos ou pola xeodiversidade cunha detallada colección de minerais, pedras preciosas e semipreciosas, rochas, fósiles ou meteoritos. Tamén ten o seu espazo a biodiversidade mariña, as algas, os invertebrados, os peixes ou o litoral galego, e outros ecosistemas máis lonxanos como a selva sudamericana ou a sabana africana.
 
Cada un dos temas abordados móstrase ante o visitante cunha reprodución fiel que representa o ecosistema en cuestión e os seus protagonistas, co apoio das explicacións oportunas en distintos formatos para que a visita sexa unha experiencia interactiva que require da actitude activa de quen a visita. O grao de reprodución da vida real alcanzado aspira a reflectir o medio natural e trasladar ao visitante ao contexto real do que se lle expón.
 
Con respecto a outras propostas expositivas, o Museo de Historia Natural da USC alberga pezas singulares de gran valor para o estudo e a divulgación da biodiversidade e o medio ambiente, concretamente no relativo ao solo, a cristalización dos minerais ou a malacoloxía.