Saltar ao contido principal
Xornal

Expoñen no ILG a problemática da clasificación do galoitaliano dentro da familia románica

Actualizada: 22-05-2015 09:57
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
O investigador da Universidade de Bangor (Reino Unido) Lissander Brasca impartiu unha conferencia no Instituto da Lingua Galega da USC sobre a problemática na clasificación do galoitaliano dentro da familia románica. Brasca é licenciado en Ciencias Lingüísticas e Linguas Estranxeiras pola Universidade de Venecia e autor da proposta para a ortografía polinómica da lingua lombarda.
 
Na súa conferencia, Brasca presentou os problemas preliminares que afronta no proxecto de tese de doutoramento en que está traballando, centrada nos dialectos galoitalianos, é dicir, os dialectos falados no norte de Italia (Lombardía, Piemonte, Liguria, Emilia e Romaña).
 
Na literatura académica, as variedades románicas faladas no norte de Italia, entre elas o galoitaliano, son universalmente consideradas como parte do contínuum románico occidental, en tanto que as variedades románicas faladas no centro e sur de Italia forman parte do continuum románico oriental. Porén, algúns autores atribúenlle ao galoitaliano a etiqueta de galorrománico, mentres que o outros o caracterizan como italorrománico, unha clasificación que resulta problemática. Brasca baséase nos conceptos Ausbau (concepto sociolingüístico, estatus sociolóxico) e Abstand (concepto lingüístico, grao de distancia estrutural) de Kloss (1967) para explicar as diferentes denominacións.

Tendo en conta a distinción anterior, Brasca enumera diferentes posibles causas do desacordo entre os que consideran que o galoitaliano é ítalorrománico e os que o consideran galorrománico: diferente catalogación Ausbau ou Abstand por parte dos diferentes estudosos, erros na clasificación, contacto lingüístico e italianización… Para o investigador, a etiqueta italorrománico só sería xustificable se se demostrase que o galoitaliano sufriu unha perda masiva dos trazos estruturais orixinarios galorrománicos e románico-occidentais como consecuencia do contacto co italiano, isto é, dunha italianización masiva. Para isto, propón traballar con tests de intercomprensión, o cal serve para delimitar o contínuum lingüístico.
 
Ao final da súa intervención, Lissander Brasca tamén falou sobre o intento de revitalización das variantes lombardas a través dunha normativa polinómica. Para isto, preténdese facer unha representación escrita parcialmente uniformada das palabras de todos os xeolectos lombardos para que calquera lombardófono poida escribir textos comprensibles por calquera lombardo.