Saltar ao contido principal
Xornal  »  A sétima promoción de Estalmat remata a súa quenda

A sétima promoción de Estalmat remata a súa quenda

Xa está aberta, ata o próximo día 30, a inscrición para a convocatoria 2015

Actualizada: 11-05-2015 09:41
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Mapa coa distribución da procedencia xeográfica do alumnado de Estalmat-Galicia
Os 26 rapaces e rapazas que conforman a sétima edición do proxecto ESTALMAT-Galicia (ESTímulo do TALento MATemático) rematan este sábado o seu ciclo de actividades. Será no transcurso dun acto de despedida na Aula Magna da Facultade de Matemáticas a partir das 12.30 horas que presidirá o reitor Juan Viaño, tamén presidente de ESTALMAT-Galicia. Na mesma sesión está prevista a participación de Manuel Vila López, en representación da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; a coordinadora xeral do proxecto, Elena Vázquez-Cendón; o director da Área de Desenvolvemento Económico, Turismo e Medio da Deputación da Coruña, Javier Abad Pardo; e o coordinador académico do proxecto, Víctor Pollán, así como membros do equipo docente. A intervención dunha representación do alumnado e dos seus pais e nais para realizar unha semblanza destes dous anos precederá á entrega de diplomas e imposición de becas conmemorativas.
 
A xornada comezará previamente, a partir das 10.30 horas, cando os/as estudantes realizarán a última actividade do curso, unha visita ao supercomputador ‘Finisterrae’ do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), guiada polo seu director Javier García Tobío e asistido polos membros do seu equipo Pablo Rey e Fernando Bouzas.
 
Desta promoción, 25 estudantes foron seleccionados en 2013 dun total de 354 rapaces e rapazas de 12 e 13 anos que participaron nas probas de selección, 147 nenas e 207 nenos. Por provincias, 15 proceden da Coruña, 8 de Pontevedra, 1 de Lugo e outro de Ourense. A esta promoción incorporouse no segundo curso un estudante de ESTALMAT-León que trasladou a súa residencia a Santiago.
 
Os estudantes foron seleccionados polas súas aptitudes matemáticas avanzadas e asistiron durante dous as actividades de proxecto adaptadas ao desenvolvemento do seu talento. Estas actividades impartíronse na Facultade de Matemáticas, nas mañás dos sábados durante dous cursos académicos consecutivos (20 sábados cada curso) por un equipo docente de 48 profesores de matemáticas de centros de ensino medio e das tres universidades galegas, especialmente formados para este cometido e moi comprometidos co proxecto. Os estudantes desta sétima promoción serán agora convidados a participar o próximo curso no ESTALMAT PI-Galicia, que consta de 12 sesións máis.
 
Convocatoria 2015
Actualmente está aberto ata o 30 de maio o prazo de inscrición na proba de selección da convocatoria 2015, que terán lugar o vindeiro día 6 de xuño, dirixida a todos os rapaces e rapazas nacidos en 2002 e 2003, que destaquen pola súa destreza e gusto polas Matemáticas.
 
Premio da Fundación Max Mazín

O xurado dos II Premios Max Mazín acordou conceder un premio a Estalmat en recoñecemento polo labor que realiza a prol do estimulo do talento precoz en matemáticas. A entrega do devandito premio realizouse a finais do pasado mes de abril na sede da Fundación CEIM, onde o recolleu en nome da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, o presidente, Alberto Galindo Tixaire.