Saltar ao contido principal
Xornal

O profesor José Edelstein, xunto a Xián Camanho e Alexander Zhiboedov, mención honorífica no concurso de ensaios da Gravity Research Foundation

Actualizada: 19-05-2015 14:42
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Xián Camanho, José Edelstein e Alexander Zhiboedov
O profesor de Física de Partículas José D. Edelstein é un dos tres asinantes, xunto a Xián O. Camanho e Alexander Zhiboedov, dun ensaio que acaba de ser recoñecido coa mención honorífica no concurso da Gravity Research Foundation. Esta é unha convocatoria que ten entre os seus gañadores de anteriores edicións a científicos senlleiros e premios Nobel como Stephen Hawking, Roger Penrose, François Englert ou Gerard’t Hooft, entre outros.
 
O concurso da Gravity Research Foundation é unha iniciativa de Roger Babson para fomentar o estudo arredor da gravidade que se remonta a 1949, data da primeira edición destes premios. Na edición deste ano, foi elixido como gañador un texto de Gerard’t Hooft, premio Nobel de Física en 1999 xunto con Martinus J.G. Veltman.
 
O ensaio presentado por José Edelstein, Xián Camanho e Alexander Zhiboedov  baséase nun artigo previo escrito polos mesmos autores xunto a Juan Maldacena, considerado un dos físicos teóricos máis relevantes das últimas dúas décadas, e que comezou a xestarse a finais de 2012 en Princeton aínda que non rematou ata un ano e medio despois. A reflexión proposta no ensaio pon o foco alí onde se supón que a teoría da gravitación –a relatividade xeral formulada por Einstein hai agora 100 anos– non pode ser correcta, nas distancias máis pequenas. “Moi por debaixo da escala atómica deberían aparecer efectos cuánticos sobre os que a relatividade xeral non poden dicir nada”, puntualiza o profesor Edelstein para engadir que esta teoría é incompatible coa Física Cuántica.
 
Varias propostas teóricas tentaron unificar a teoría cuántica coa da gravitación, entre elas a teoría de cordas. “O problema é que pasar da relatividade xeral á teoría de cordas implica unha extrapolación semellante a intentar deducir a estrutura do átomo a partir dunha observación do planeta Terra”, especifica o co autor do ensaio. No texo móstrase que “se intentamos apartarnos da relatividade xeral é posible atopar indicios de comportamentos anómalos graves sen necesidade de coñecer a teoría cuántica da gravidade”. Como explica José Edelstein, “o máis sorprendente é que isto podería chegar a observarse experimentalmente se mellora a precisión coa que se mide a polarización do fondo cósmico de microondas, ao conter información do Universo cando este tiña un tamaño microscópico”.