Saltar ao contido principal
Xornal

O CIQUS abrirá as súas portas este verán a dez estudantes con interese en iniciarse na investigación

Ata o 3 de xuño mantén aberta o prazo dunha convocatoria de dez bolsas dotadas con 700 euros cada unha

Actualizada: 22-05-2015 09:14
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
Dez estudantes terán a opción de realizar este verán un período de prácticas formativas de iniciación á investigación nos laboratorios do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares. (CIQUS). O centro oferta dez bolsas de 700 euros cada unha para estudantes altamente motivados que estean cursando o terceiro curso do grao de Química ou doutra titulación relacionada en calquera universidade no momento de realizar a solicitude. Deberán acreditar que superaron 140 créditos da titulación e unha nota media igual ou superior a 7,5 (nunha escala de 0 a 10).
 
O alumnado seleccionado desenvolverá un breve proxecto de investigación baixo a supervisión dun investigador principal do CIQUS nalgunha das liñas de traballo estratéxicas do centro. Así, integrarase nun entorno de investigación dinámico e competitivo, traballará en temáticas nas fronteiras do coñecemento e terá a opción de participar activamente en todas as actividades científicas que se desenvolvan. A experiencia permitiralles aos/ás participantes adquirir experiencia e destreza nos métodos e técnicas asociadas á temática do proxecto asignado, aprenderán a planificar experimentos, analizar datos, realizar buscas bibliográficas e a redactar unha breve memoria.

O prazo remata ás 14.00 horas do día 3 de xuño. Para formalizar as inscricións, as persoas interesadas enviarán o correspondente formulario de inscrición, unha certificación académica coas cualificacións obtidas e a nota media e unha fotocopia simple do xustificante de matrícula no presente curso académico. Toda esta documentación debe remitirse en formato pdf ao enderezo ciqus@usc.es indicando no asunto da mensaxe SUMMER FELLOWSHIPS. A dotación total da bolsa poderá completarse cunha axuda para gastos de viaxe para o estudantado residente fóra de Santiago.

Ligazóns relacionados: