Saltar ao contido principal
Xornal

A investigadora Tamari Lomtadze pronunciou unha conferencia no ILG sobre a situación lingüística en Xeorxia

Actualizada: 26-05-2015 13:58
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
A investigadora da Akaki Tsereteli State University de Xeorxia Tamari Lomtadze pronunciou unha conferencia no Instituto da Lingua Galegas (ILG) na que examinou a situación lingüística actual no seu país de orixe, caracterizado por unha gran variedade étnica e lingüística, e á que cualificou de “diversa, interesante e controvertida ao mesmo tempo” dado que os grupos étnicos difiren substancialmente pola cantidade de tipos de asentamento e pola intensidade de integración na vida social do país.
 
Como explicou Tamari Lomtadze, de acordo cunha teoría amplamente aceptada, os idiomas kartvelianos (xeorxiano, svan, zan ou zanuri –megreliano e laz–) pertencen á familia das linguas ibéricas de raza caucásica que comprenden abxacia-adighean, nakhi e linguas daguestanís e kartvelianas (algúns científicos mesmo consideran que a lingua vasca pertence a esta familia). Deste xeito, unha variante estantarizada/literaria (xeorxiano) e varias linguas non estándar (svan, megreliano, laz), así como un bo número de dialectos rexionais, son faladas en Xeorxia na actualidade.

O idioma xeorxiano enfróntase a varios problemas lingüísticos importantes na actualidade, explicou a investigadora, por unha banda, non existe ningún órgano de coordinación que regule o funcionamento da lingua oficial e, pola outra, non é fácil manexar os desafíos que presentan a globalización e o progreso tecnolóxico, pois hai unha gran confusión terminolóxica, dixo Lomtadze.