Saltar ao contido principal
Xornal

Estudantes de Barcelona e Pontevedra lideran a terceira edición do campionato de modelado 3D de precisión con móbil da USC

Llauna3D, de Badalona, e Meaño4ºB, de Pontevedra, comandan a D3Mobile Metrology World League 2015, que premia tamén equipos de Nixeria, O Salvador e Colombia

Actualizada: 17-06-2015 12:19
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Logo da D3Mobile Metrology World League

O equipo Llauna3D, do INS A Llauna, do concello barcelonés de Badalona, gañou a terceira edición do D3Mobile Metrology League, un campionato de modelado 3D de precisión con teléfono móbil, convocado polo grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela USCAN3D en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía. O equipo Meaño4ªB_2, do IES de Meaño, (Pontevedra) proclamouse subcampión deste torneo, un certame pioneiro a nivel mundial no que tomaron parte máis de 1.000 estudantes nados entre 1997 e 1999 de 33 países de todo o mundo.

 
Tras avaliar a calidade de medida e visual dos modelos 3D elaborados nos distintos exercicios que puntúan, o xurado acordou proclamar vencedores do torneo aos compoñentes do equipo catalán, integrado por Éric Santiago García, Claudia Cano Lucena e Leonardo de Haro Ámez, coordinados polo profesor Baltasar Salvà Siquier. Os gañadores elaboraron o modelo 3D dunha estatua de bronce da coñecida figura de Anís do Mono, da fachada marítima de Badalona. Cada alumno deste equipo recibirá un premio tecnolóxico e unha gorra da selección española asinada por Iker Casillas.
 
O equipo Meaño4ªB_2 do IES de Meaño, de Meaño (Pontevedra), formado polos alumnos Óscar Rei Martínez, Antonio Suárez Martínez, Manuel Anxo Vázquez Touriño e Borja Vázquez Castro, coordinados polo profesor César Fernández Riádigos, terminou na segunda praza da clasificación final, tras elaborar o modelo 3D dunha maqueta da hélice de ADN. O terceiro e cuarto posto foi para dous equipos coordinados polo profesor Francisco Mudoy Villalobos, da Col.legi Mestral de Ibiza. Así, a terceira praza correspondeu a Planells_Cortiñas, un equipo formado por Ramón Planells Barber e Ignacio Cortiñas Tapia, mentres que o cuarto posto da clasificación xeral foi para Alarcon_Wag, formado por Alejandro Alarcón Torres e Jian Wang. A tamén meritoria clasificación lograda por Rosa_Jacoberguer, un terceiro equipo deste centro ibicenco, coordinado polo mesmo profesor e formado por Guillermo Rosa Laviana e Víctor Jacoberguer, fixo a este colexio merecedor da camiseta da selección española asinada tamén polo porteiro internacional.
 
O equipo IESEbro, de Tudela (Navarra), formado por Josu Rapún Jiménez, Eva Morales Pioz e Sandra Azcona Sangüesa e coordinados polo profesor Paulino José Martínez Salcedo, fíxose co premio ao equipo debutante mellor clasificado tras elaborar un modelo 3D do busto de Muza rei do Ebro. O galardón ao modelo 3D máis votado polo público recaeu nun que representa unha boneca matryoshka, elaborado polo equipo Galaxias, de Ponferrada (León), integrado por Ángela Mª Martín García, Inés Suárez Arca, Paula Pastor Calvo e Lucia Menéndez Arca, que participaron na competición D3mobile 2015 coordinados pola profesora Mª Graciela González Sierra.
 
Proxección internacional
O galardón ao mellor equipo participante de Latinoamérica recaeu no equipo Think, formado por Brenda Ariana Santamaría Mejía, René Alejandro Villela Escalante, Francisco Alexander Escobar Flores e Jaime Edgardo Pacheco Cristales, estudantes do Colexio español Pai Arrupe de San Salvador (O Salvador) coordinados polo profesor Salvador Ernesto Rivas Leiva, que elaboraron un modelo do busto do Pai Juan Ricardo Salazar-Simpson. Así mesmo, o equipo, Gold Prom, coordinado por este mesmo profesor do centro salvadoreño e integrado polos estudantes Nicole Azucena Barahona Castro, Allison Estefany Branco Pacheco, Kathya María González Alvarenga e Fabiola Patricia Rivas Marroquín obtivo outro premio co modelo 3D da estatua de Reina Dona Sofía da súa cidade.
 
As nixerianas Megan Nobuhle Shong e Oluwabukunmi Esther Adubi, coordinadas polo profesor Raymond Abraham Tolulope, gañaron o premio ao modelo 3D máis votado polos finalistas: unha zapatilla de deporte. O segundo modelo 3D máis votado polos finalistas foi o dunha tenda de campaña, elaborado polo equipo colombiano Wizards of the web, do Colexio Juan Rulfo de Bogotá, formado polos alumnos Jenny Xurado, Jeisson Gonzales, Harold Pontes e Giovanni, coordinados polo profesor Juan Francisco López Díaz.
 
O modelo 3D do equipo Wild Rock, do IES Terra de Soneira, de Vimianzo (A Coruña), formado polos alumnos Alejandro Lista Martínez, Eloy Trillo Novo, María Canosa Benlloch e Mateo Pichel Paz, coordinados pola profesora Ana Isabel Penedo Branco, gañou o premio ao equipo español máis votado polos finalistas: unha pequena estatua exipcia. O premio especial do Ano da Biotecnoloxía en España foi outorgado ao equipo Atletas Pardos, do IES Gaia, de Alacante, formado por Roberto Ferrándiz Torregrosa, Rafael Martínez Santos e Ainhoa Medina Pardo, coordinados polo profesor Fidel Pastor Sogorb. Estes participantes modelaron unha espiga de millo, acompañada do título ‘Un dos alimentos máis populares cando nos referimos a transxénicos’.
 
Gañadores de Galicia e Lugo
O equipo gañador do premio ao mellor clasificado de Galicia foi Os dous de sempre, do IES Monte das Moas (A Coruña), formado por Brais Lema García e Breogán Martínez Castiñeira, que estiveron coordinados pola profesora Concepción Fernández Munin.
 
O mellor clasificado dos equipos da provincia de Lugo que tomaron parte nesta terceira edición da competición D3Mobile Metrology World League 2015 volveu ser, por terceiro ano consecutivo, o formado por estudantes do I.E.S. Poeta Díaz Castro, de Guitiriz. Este centro concorreu ao torneo de modelado 3D de precisión convocado pola USC co equipo Xopane, composto por Francisco Javier Manuel García, Brais López Roca e Antía Ferreiro González, e dirixido polo profesor José Engroba García. Os membros deste equipo recibirán o premio outorgado pola Deputación Provincial de Lugo.
 
Clausura e entrega de premios
A terceira edición da D3 Mobile Metrology World League, un certame dirixido a escolares de secundaria promovido polo grupo de investigación USCAN3D da USC, en colaboración coa Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt), o Centro Español de Metroloxía (CEM) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN-CNIG) chegará á súa clausura o luns 29 de xuño coa xornada de entrega de premios aos equipos galardoados.
 
A cerimonia de entrega de premios desenvolverase a partir das 12.00 horas no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC no marco dunha xornada durante a que os estudantes e profesores dos equipos asistentes poderán realizar visitas guiadas ás distintas instalacións e aos laboratorios de investigación do centro universitario lugués.
 
O acto de clausura e entrega de premios deste certame de divulgación científica no ámbito escolar reunirá na EPS do campus de Lugo os responsables académicos do proxecto, así como a representantes das distintas entidades, institucións e empresas que patrocinan ou colaboran no desenvolvemento da D3Mobile Metrology World League, entre as que figuran Xunta de Galicia, Deputación de Lugo, Fundación Vodafone España, Educabarrié, a iniciativa da Fundación Barrié para a comunidade educativa, a Sociedade Latinoamericana de Ciencia e Tecnoloxía, así como empresas como a multinacional española BQ, ademais de asociacións de pais de alumnos, sindicatos e, entre outros, centros educativos.