Saltar ao contido principal
Xornal

O proxecto MiAvizor da USC gaña o premio Nacional Senda á mellor iniciativa Sociosanitaria

O galardón entregarase o 2 de xullo en Madrid

Actualizada: 17-06-2015 13:34
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Carlos Olivar e Jesús Varela Mallou, integrantes do equipo de investigación
O proxecto tecnolóxico MiAVIZOR sobre a monitorización das rutinas da vida diaria das persoas maiores que viven soas que desenvolveu o grupo de investigación de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da USC acadou o Premio Senda á mellor iniciativa pública na categoría sociosanitaria. O proxecto dirixiuno o catedrático de Metodoloxía das Ciencias do Comportamento Jesús Varela Mallou e nel participaron nove investigadores máis da USC durante estes últimos catro anos.
 
MiAvizor é unha iniciativa de Teleasistencia Avanzada 2.0. de última xeración na que se combinan os avances no mundo da domótica e as TIC cos sistemas de atención sociosanitaria públicos (traballadores sociais, 061, etc.) para proporcionar unha atención integral no fogar ás persoas maiores que viven soas e, así, retrasar o máximo posible o seu ingreso nunha residencia. Grazas á telemonitorización do comportamento e hábitos de vida dos maiores en cerca de 400 fogares do rural de Galicia, MiAVIZOR contribuíu a que esas persoas non se sintan soas xa que están sendo monitorizadas as 24 horas do día durante todo o ano. 
 
Trátase dun sistema no que se combinan unha serie de sensores sen fíos colocados estratexicamente no fogar da persoa maior e un botón de pánico conectado directamente co servizo de emerxencias sanitarias 061. O sistema é capaz de monitorizar a vida do maior no seu fogar e aprender os seus hábitos comportamentais e rutinas diarias co fin de detectar posibles situacións de risco e automaticamente remitilas ao profesional sociosanitario, familiar ou contacto autorizado mediante SMS, voz e/ou email. Ademais, toda esa información queda rexistrada nunha plataforma web á que ten acceso a contorna sociocomunitaria que previamente fora autorizada para a prestación do servizo e/ou axuda á persoa maior (familiares, profesionais de servizos sociais de concellos, centros de saúde, asociacións e voluntariado como Cruz Vermella ou empresas do sector). En definitiva, MiAVIZOR permite adaptar a vida actual das familias ao coidado dos seus maiores, conseguindo que se sintan protexidos e seguros en todo momento, sen necesidade de ser afastados da súa vivenda ou zona de confort.
 
Ademais da USC, no proxecto participaron o Centro de Supercomputación de Galicia, a Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia 061 a Consellaría de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e máis de 40 concellos galegos.
 
Os premios
Os Premios SENDA, que xa van pola sexta edición, recoñecen o labor de institucións e empresas a favor da mellora da calidade de vida e a difusión dunha imaxe adecuada das persoas maiores así como iniciativas que no sector sociosanitario se preocupen polo desenvolvemento e a xestión dos recursos públicos dirixidos a mellorar a atención destas persoas e as súas familias.
 
O premio será entregado o próximo 2 de xullo no Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade nun acto ao que pola USC asisten os membros do grupo de investigación Teresa Braña Tobío, Carlos Olivar Rodriguez, Alba Grobas Farto e Jesús Varela Mallou.