Saltar ao contido principal
Xornal

Dezaoito historiadores reflexionan sobre arte galega nunha nova publicación do grupo Iacobus da USC

Actualizada: 25-06-2015 13:30
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Carla Fernández, José Miguel Andrade, José Pereira, Juan Monteroso e Henrique Alvarellos
O grupo de investigación Iacobus da USC presentou este xoves o libro La Huella Impresa. Textos e imágenes para una historia del arte gallego, que se corresponde co oitavo número da serie ‘Opus Monasticorum’. Nel, dezaoito historiadores dan a coñecer as súas últimas investigacións que abren novos camiños na interpretación da arte galega.
 
No volume, unha publicación de Alvarellos dirixida polo profesor Juan Monterroso e coordinada por Carla Fernández Martínez, estúdase o patrimonio desde a arquitectura, a estampa e a pintura contemporáneas e póñense en diálogo todas estas expresións artísticas coa aparición da imprenta.
 
Participan na obra como coautores Rosa Margarita Cacheda Berreiro, Míriam Elena Cortés López, Mario Cotelo Felípez, Enrique Fernández Castiñeiras, Leopoldo Fernández Gasalla, Carla Fernández Martínez, Begoña Fernández Rodríguez, Carmen Folgar de la Calle, José Manuel García Iglesias, Antonio Garrido Moreno, Violeta González Forte, Carme López Calderón, José Manuel López Vázquez, Ana Mesía López, Iván Rega Castro, Ofelia Rey Castelao, María Rivo Vázquez e Diego Rodríguez Paz.
 
Na presentación deste xoves interviñeron o vicerreitor de Comunicación e Coordinación, José Pereira Fariña; a coordinadora do volume, Carla Fernández Martínez; o decano e o secretario da Facultade, Juan Monterroso e José Miguel Andrade Cernadas, respectivamente; e o editor Henrique Alvarellos.
 
Iacobus
O grupo Iacobus da USC (Proxectos e Estudos sobre Patrimonio Cultural) creouse en 2004 e na actualidade está formado por vinte membros que desenvolven as súas investigacións en diversos campos asociados coa historia da arte e o patrimonio cultural: xestión de bens e patrimonio cultural, comisariado e documentación para exposicións temporais e programas museográficos, arte e cultura xacobea, arquitectura e paisaxe e artes plásticas entre os séculos XVI e XXI.