Saltar ao contido principal
Xornal

Comezou unha nova edición dos cursos de verán de lingua e cultura galegas

Actualizada: 02-07-2015 13:29
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Os cursos inauguráronse hoxe nun acto na Facultade de Filosofía (Foto: SERVIMAV-USC)
Alumnado e profesorado universitario interesados na lingua, literatura e cultura galegas e pertencentes a centros galegos das universidades de fóra de Galicia son os principais destinatarios da vixésimo oitava edición dos cursos de verán de lingua e cultura galegas que organizan a Real Academia Galega e a Secretaria Xeral de Política Lingüística coa colaboración do Instituto da Lingua Galega.

A programación de 2015 botou a andar coa sesión inaugural celebrada este xoves na Facultade de Filosofía baixo o lema ‘Galego sen fronteiras’. Interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o director do Instituto da Lingua Galega, Ernesto González Seoane; e o director dos cursos Henrique Monteagudo.
 
Os cursos estenderanse ata o próximo 24 de xullo organizados en tres niveis. Nos dous primeiros, inicial e medio, o programa consta de clases de comprensión e expresión escrita e oral. Xa no superior, dedicado á lingua e literaturas galegas, organizaranse varios seminarios que trataran sobre problemas de lingüística galega, textos e autores da literatura galega contemporánea, formación e historia social da lingua galega ou sobre variación e cambio lingüístico no galego actual.

En paralelo están programadas actividades de ampliación cultural, fundamentalmente conferencias sobre literatura, historia e outros eidos da realidade sociocultural de Galicia, así como proxeccións de películas e documentais. Como se puxo de manifesto no acto inaugural, este cursos teñen contribuído de forma significativa a que lingua e literatura galegas teñan presenza en numerosas universidades no sé de Europa, senón tamén de América, Asia e Australia e serviron de impulso ao fomento do estudo e a investigación sobre a cultura galega en todo o mundo.

Outras imaxes


A programación estenderase ata o 24 de xullo (Foto: SERVIMAV-USC)