Saltar ao contido principal
Xornal

Homenaxe a Ramón Lorenzo e Antón Santamarina por unha traxectoria de “rigor e paixón” na defensa e promoción do galego

O III Congreso Internacional de Lingüística Histórica rende tributo no Paraninfo da Universidade aos catedráticos co fundadores do Instituto da Lingua Galega da USC

Actualizada: 29-07-2015 12:29
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Lorenzo e Santamarina, flanquean a Viaño, xunto con outras autoridades no acto de homenaxe celebrado no Paraninfo da USC

O Gallaecia, III Congreso Internacional de Lingüística Histórica serviu de marco para render homenaxe a dous dos fundadores do Instituto da Lingua Galega (ILG) e catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Ramón Lorenzo e Antón Santamarina.

 
Numerosas autoridades, investigadores e colaboradores de Lorenzo e Santamarina arrouparon aos dous investigadores no acto celebrado no Paraninfo da Universidade, nunha sesión presidida polo reitor da USC, Juan Viaño, e na que, entre outros, tamén participou como relatora a profesora da USC e presidenta do comité organizador do congreso de lingüística histórica, Rosario Álvarez.
 
Viaño destacou na súa intervención “o traballo investigador dos profesores que reciben unha merecida homenaxe, unha traxectoria unida á Universidade de Santiago pero con proxección internacional, algo fundamental para a institución”.
 
O profesor Ivo Castro, da Universidade de Lisboa, fixo a laudatio de Ramón Lorenzo, mentres que a Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, correspondeulle a laudatio de Antón Santamarina. En representación do ILG, participaron no acto o seu actual director e tamén catedrático na USC, Ernesto González Seoane. Todos eles aseguraron que “Ramón Lorenzo e Antón Santamarina son historia viva do Instituto da Lingua Galega”.
 
“Se Constantino García tivo, nos duros e difíciles anos do final da ditadura, a audacia non pequena de promover a creación dun instituto universitario centrado na investigación sobre unha lingua que o propio réxime franquista ignoraba, cando non perseguía, a Antón Santamarina e Ramón Lorenzo correspóndelles o mérito de ter sabido encher de contido esa idea, de ter sabido botar a andar o proxecto co seu traballo e co seu exemplo”, afirmou González Seoane.
 
O director do ILG engadiu que “os que temos o privilexio de coñecelos sabemos que teñen personalidades e temperamentos ben diferentes, nalgúns aspectos case me atrevería a dicir que diametralmente opostos, pero hai dous elementos que os unen por riba de todas as diferenzas: o rigor e a paixón”.
 
“Ambos entenderon ben cedo que só se podía servir eficazmente a causa da lingua galega traballando coa máxima seriedade e rigor, pero estou persuadido de que nada disto tería sido posible sen o outro ingrediente fundamental a que me refería pouco antes: a paixón, ou, se prefiren velo destoutro xeito, o compromiso cívico e a fidelidade inquebrantable á causa da defensa e promoción da lingua galega que presidiu todas e cada unha das súas actuacións”, rematou.
 
Durante o acto, o grupo Dous na Fronteira interpretou textos de Federico García Lorca, Fernando Pessoa, Curros Enríquez e o Romance de don Gaiferos (peza anónima tradicional).
  
Programa de hoxe
O programa da terceira xornada do III Congreso Internacional de Lingüística Histórica inclúe hoxe unha conferencia plenaria a cargo do catedrático de Lingüística Románica na Cátedra de Linguas Románicas da Universidade de Zúrich e membro correspondente da Real Academia Galega, Johannes Kabatek, quen ofrecerá o relatorio ‘Novas visualizacións dos datos linguísticos’.
 
O responsable do equipo Pessoa na Facultade de Letras de Lisboa, Ivo Castro, pechará este xoves 30 de xullo o congreso internacional cunha intervención baixo o título Os de Vasconcellos. Despois, no Hotel Monumento San Francisco de Santiago, celebrarase un xantar de clausura.